«O monte Pindo non está en condicións para que se fagan visitas por libre»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Mario Maceiras urxe medidas, empezando pola limpeza e a sinalización dos itinerarios

05 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Seguro que esta Semana Santa, como en calquera outro período de vacacións, serán moitas as persoas que se achegarán a Carnota para gozar dun dos seus principais atractivos, o monte Pindo. A paraxe encerra unha serie de valores naturais que a converten nunha xoia paisaxística única, pero desde a asociación fundada hai máis dunha década para reivindicar a consideración de parque natural para esta montaña inciden na necesidade de ser precavidos á hora de percorrela por libre. O secretario da entidade, Mario Maceiras, advirte de que as condicións da paraxe non son as máis axeitadas.

—Cales son os grandes atractivos do monte Pindo?

—O monte Pindo pode converterse nun motor para a Costa da Morte, ademais de ser un atractivo natural único. Tamén entendemos que pode ser un elemento dinamizador e incluso un selo de calidade para os produtos que se xeran na zona.

—Cales diría que son os puntos fortes a nivel paisaxístico?

—Primeiro, o atractivo que resulta para a vista e para aqueles que queiran perderse nos seus camiños. Pero logo está o seu alto valor biolóxico, pois conta con case 150 especies a protexer, e tamén o xeolóxico, ao posuír exemplares de formación que están sendo estudadas a nivel mundial. Mesmo ten covas que están a ser investigadas pola NASA, por contar con sistemas de vida peculiares.

—Que recomendacións lles faría a aqueles que teñan previsto visitar o monte Pindo?

—Por desgraza, o monte Pindo non está en condicións para que se fagan visitas por libre. No seu día mapeamos 190 quilómetros da paraxe, pero moitos deses camiños non están para ser percorridos. Recomendamos que a xente faga visitas con alguén que coñeza o monte e que evite as aventuras porque ultimamente ten habido varios episodios desagradables.

—Que problemas presenta entón o monte?

—O monte non está ben sinalizado, téñense feito intervencións nos últimos dez anos, pero os indicadores foron arrancados. Parece que non hai disposición a permitir que a xente percorra o monte. Non está habendo investimentos en limpeza e mantemento e iso, nun espazo natural salvaxe, acaba pasando factura. A nós gustaríanos que a xente visitara unha paraxe protexida, coidada e sinalizada. Mentres iso non se poida garantir, non podemos recomendar visitas masivas ao monte Pindo.

—Cales son as actuacións prioritarias?

—Cada vez que se achegue un período de vacacións, como este de Semana Santa, hai que limpar o monte, sobre todo nesta época, na que a maleza aumenta. Sobre todo, hai que ter decentes e sinalizados os principais itinerarios, que son os do Fieiro, o de Peñafiel e o que arranca no núcleo do Pindo. O que non soluciona nada é poñer un sinal de prohibido o paso porque os itinerarios non estean en condicións, porque sabemos que a xente vai ir igual.

—Pensa que a solución a todos estes problemas está na declaración de parque natural?

—Claro, porque implicaría, por imperativo legal, o nomeamento dun organismo de xestión para analizar as necesidades do monte e tamén a dotación dun orzamento para acometer actuacións, sen ter que depender do voluntarismo do goberno que toque ou dunha asociación civil como a nosa. Desde o último gran incendio non se fixeron actuacións e moito nos tememos que se dan as condicións para outro lume e tamén para que, como ocorreu o verán pasado, a xente se perda no monte. Non se pode ter un recurso natural desta envergadura sen os coidados necesarios.

—Chegará a declaración de parque natural nun futuro próximo?

—Co goberno actual, imposible, porque así o dixeron en varias ocasións. Vanse cumprir 20 anos sen ningún parque natural novo en Galicia e hai outras paraxes candidatas que están na mesma situación ca o monte Pindo. Non se dan argumentos en contra da declaración e os especialistas din que é a figura máis acaída.

—Que outras liñas de traballo ten en marcha a entidade?

—Estamos preparando unhas xornadas sobre toponimia para o 21 de maio e un calendario de visitas guiadas. Fixemos unha paréntese porque non podiamos asumir a demanda. Se estiveramos dispostos, todos os fins de semana habería xente interesada en percorrer o monte.