Non se pode ter nada, dicía a miña avoa con moita frecuencia. E referíase a que sempre que parecía que se avanzaba algo, e a vila se embelecía con algún ornato ou servizo, o vandalismo acababa facendo acto de presenza. Pintadas, destrucións ou desaparicións estragaban algún ben público inaugurado ou implantado hai pouco.
Non sei en que cabeza cabe destruír ou subtraer espazos e obxectos fermosos. En diferentes lugares de Galicia, nos dous últimos anos, están a producirse demasiados roubos de obras de arte pública de metal que son subtraídas, supoño, que para vender o seu material. O roubo o outro día do Atlante en Punta Nariga —unha parte esencial desa xoia da nosa arquitectura pública que é o faro deseñado polo arquitecto César Portela— chegounos á alma a moitos. Porque esa escultura reitérase en numerosas fotos familiares e de amigos, e hoxe xa é unha pantasma. A queima das pallozas en Ribeira do outro día é tamén outro destes exemplos desesperanzadores.
A solución a este problema non é doada e a curto prazo menos. Só se pode paliar con grandes doses de colaboración cidadá, a maior protección legal das pezas de arte contemporáneas, unha maior concienciación en todos os niveis e reducindo a colaboración dos posibles compradores do material, facendo ver que non compensa apoiar o vandalismo.
Nin Administracións nin cidadáns podemos renunciar ao espazo público e a esa ilusionante tarefa colectiva que é a súa construción e intervención a través de procesos creativos e artísticos.