As primeiras fábricas de conserva

Pedro García Vidal

BARBANZA

Dúas das dez primeiras destas industrias implantadas en Galicia estaban emprazadas en Noia

11 abr 2022 . Actualizado a las 18:18 h.

A situación da industria pesqueira nos anos centrais do século XIX caracterízase polo paso da salgadura ao tratamento e posterior enlatado do peixe. As primeiras fábricas de conservas que se instalaron en Galicia datan dos anos 40 do século XIX. Na segunda metade do século a salgadura comezou a quedar atrás. Impúñase o estilo Nantes, cocer o produto, enlatalo hermeticamente e esterilizar logo as latas, tal como hoxe se coñece.

Daquela existían en Galicia un total de dez fábricas dedicadas á conservación de peixe e outros produtos alimenticios, e dúas destas dez primeiras conserveiras estaban emprazadas en Noia. Unha era a fábrica de Alejandro Carreño e Cía, sita no Malecón de Gasset, no bordo marítimo do recinto histórico no ano 1856. A outra era a fábrica de conservas alimenticias La Noyesa, dos señores J. Caamaño y Cª (Félix García Somoza, sucesor), instalada no barrio do Campo das Rodas, en 1880.

A fábrica La Noyesa, coñecida como fábrica de Caamaño, foi un modelo na súa clase. A histórica edificación —aínda hoxe en parte en pé— simboliza a puxanza industrial daquela Noia que vivía dun mar xeneroso, con industriais emprendedores que converteron as ribeiras da vila nun foco de produción e refuxio de centos de persoas relacionadas co mundo da pesca.