Lobeira

ISABEL SANTOS

BARBANZA

26 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

En Vilanova de Arousa temos o monte Lobeira, un miradoiro de espectaculares vistas á ría, coa maxia de observar unha paisaxe mariña dende ben alto.

Lobeira Grande, Lobeira Pequena, Lobeira de Rianxo… que están a nomear illotes, cons e cabos da nosa franxa costeira, deben o seu nome a antigas concentracións de lobos mariños. Máis prolífico é aínda o lobo terrestre, que deixa unha chea de topónimos como Lobeira, A Loba, Lobelos e outros relacionados coa caza deste temido cuadrúpedo como Foxo, Foxo do Lobo etc.

Algúns destes presuntos zoónimos dificilmente farían referencia a lobos mariños ou terrestres; parecen mellor froito de deformacións e de etimoloxías populares, que asimilan antigos topónimos de etimoloxía máis opaca ao nome de animais. Mellor considerarmos dúas raíces prerromanas, unha de base hidronímica *luba, *lup, *lupia, presente en multitude de ríos: Lubien (Polonia), Lobe (Letonia), Lobeira (Coruña e Lugo); outra, oronímica *lup-/*lop-, que, en forma de Lobo, Loba, aparece en nomes de montes, elevacións, rochas e vales: Cantalobos por toda a xeografía española ou Chanteloup e Loubo en Francia.