Pero, no fondo, ningún movemento pictórico me é alleo!
Un tránsito de Jerez a Ribeira
Nacín en Jerez de la Frontera, Cádiz. Son alumna da primeira promoción de B.U.P. Pero empecei os meus estudos de primaria no Colexio Público de Pozoblanco (Córdoba) con 6 anos e, con 8, pasei ao Colexio Público Virgen de la Oliva de Vejer de la Frontera. Con 9, un curso no Colexio La Salle Sagrado Corazón de Jesús, en Jerez, barrio de San Miguel —en cuxa igrexa se bautizou Lola Flores—. Foi logo Puertollano no Colexio María Inmaculada (Ciudad Real), onde rematei Primaria e iniciei o bacharelato. Virían despois tres cursos nas Carmelitas de Ourense, e logo no Instituto para estudar BUP e COU. Gustábanme as Belas Artes pero, finalmente, fixen Maxisterio en Ourense, por proximidade e comodidade mais tamén por vocación. Debo dicir que son unha profesora frustrada por non ter exercido esta marabillosa e determinante profesión. Despois de casar, esperábame Ribeira onde, ao pouco, montei a Tenda Rincón-Benzalá de enmarcación, belas artes, manualidades, exposición e venda de obra orixinal.
Na Escola de Artes e Oficios de Ourense realicei durante tres anos cursos de debuxo artístico (lapis, carbón e difumino), copia de xeso, e modelado en barro. Eran tempos de esperanza animados pola maxia artística e humana dun Xaime Quessada ou dun Vidal Souto.