Barbanza exhibe todo o seu poderío artístico no Museo do Gravado de Artes

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Unha exposición reúne traballos dun cento de creadores da comarca

12 mar 2022 . Actualizado a las 17:46 h.

Volveu BarbantiaRte e, con ela, a comarca demostrou unha vez máis o gran poderío artístico que ten. A exposición, o máis completo escaparate do movemento creativo que se rexistra actualmente en Barbanza, reúne obras feitas por un cento de veciños da zona ou estreitamente vinculados a ela, para ocupar as tres salas do Museo do Gravado de Artes.

Ademais de ser a mellor proba da cantidade e da calidade de artistas que hai en Barbanza, tamén o é da variedade dos seus estilos, posto que en BarbantiaRte hai desde pinturas, esculturas e fotografías, ata vídeos, instalacións, esmaltes, gravados... Todo e todos teñen cabida nunha iniciativa que medra cada ano.

Quizais, a nota destacada desta oitava edición é que un conxunto de obras, que están reunidas nunha das tres salas do museo ribeirense, constitúen un homenaxe dos artistas da comarca a Isaac Díaz Pardo. Alfonso Costa, Manuel Ayaso, Xulio Gil, Paola García Paz, Xosé Luís Veiras Manteiga, Paco Casal, Che Tembra, Domingo Regueira e Soledad Penalta están entre os creadores que se sumaron a este proxecto.

A trintena de pezas que conforman esta mostra constitúen a achega de Barbanza a unha homenaxe impulsada por Héitor Picallo, mantedor do blog Unha manda de pezas para Isaac, e de Pilar Sampedro, unha das vogais de Barbantia, para exaltar o traballo dun «nome fundamental da vida galega do século XX», como ben destacou o director do Museo do Gravado de Artes, Pastor Rodríguez.

Un escaparate único

Foi el, no acto de inauguración de BarbantiaRte, o que explicou os motivos polos que naceu este proxecto e polos que segue vivo: «Servir de escaparate para os traballos artísticos de Barbanza, tomar o pulso á nosa situación artística, reunir aos nosos creadores co seu público».

Pola súa banda, o presidente de Barbantia, Manuel Cartea, referiuse á suma de forzas que fai posible esta gra iniciativa, agradecendo as achegas dos artistas que cada dous anos poñen a disposición do público os seus traballos. Nesta liña se expresou tamén a concelleira de Cultura de Ribeira, María Sampedro.

A inauguración da exposición enmarcouse no Encontro de Creadoras e Creadores do Barbanza, que se completou cunha mesa redonda que xirou ao redor da figura de Isaac Díaz Pardo e que contou coa participación do seu fillo Xosé Díaz, quen descubriu a parte máis humana do pintor e ceramista.