Os creadores de Barbanza, xuntos de novo

La Voz

BARBANZA

cedida

Cen artistas suman traballos á exposición que ocupará as tres salas do Museo do Gravado

10 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Volve BarbantiaRte, o gran escaparate do eido creativo da comarca. Nesta oitava edición son un cento os creadores que suman traballos á gran exposición que ocupará as tres salas do Museo do Gravado de Artes. A inauguración terá lugar mañá, ás 20.30 horas, e enmárcase no Encontro de Creadoras e Creadores do Barbanza.

Nesta ocasión son dúas as mostras que se engloban en BarbantiaRte. Unha delas recolle as obras que diferentes artistas da comarca fixeron durante os anos 2020 e 2021 en homenaxe a Isaac Díaz Pardo e que nunca antes se exhibiron. Entre os autores que asinan os traballos están Alfonso Costa, Manuel Ayaso, Xulio Gil, Paola García Paz, Xosé Luís Veiras Manteiga, Paco Casal, Che Tembra, Domingo Regueira e Soledad Penalta.

Na mesma sala poderán verse as ilustracións do libro Unha presa de debuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro, propiedade do museo ribeirense.

As outras dúas salas do centro encheranse de pinturas, esculturas, fotografías, gravados, intervencións artísticas... obras todas elixidas polos propios creadores que se animaron a sumarse a esta nova edición de BarbantiaRte. Neste caso, a lista de participantes é moi longa, e nela figuran tanto artistas consagrados como novos talentos, todos vinculados á comarca.

Colaboración

Esta exposición é froito da colaboración que veñen mantendo o Museo do Gravado de Artes, o Concello de Ribeira e a asociación Barbantia co fin de amosar a riqueza e o pulo dos creadores da zona en todas as disciplinas.

Os traballos que conforman estas dúas mostras integran un catálogo que tamén será presentado mañá. No seu prólogo figura unha colaboración do director do museo ribeirense, Xoán Pastor Rodríguez, e organizador das exposicións, que explica a importancia desta iniciativa que ten carácter bianual: «E van oito, oito festas da arte, oito ocasións para que todas e todos os veciños da bisbarra admiren o traballo, tan plural, dos seus creadores. Non será a derradeira, virán máis. Foi unha boa idea, e de non existir, habería que creala».

Enmarcada nese encontro de creadores que terá lugar en Artes, o sábado, ás 12.30 horas, haberá unha mesa redonda baixo o título Unha manda de pezas para Isaac de xente do Barbanza. Está prevista a participación de Xosé Díaz, fillo de Isaac Díaz Pardo; Soledad Penalta, da Real Academia Galega de Belas Artes; Carlos L. Bernárdez, historiador e crítico de arte; Héitor Picallo, do colectivo Alento Esbravexo, e María José Sampedro, concelleira de Cultura de Ribeira.