«A desaparición de Facebook, por exemplo, sería unha perda dramática para a cultura galega», por Manuel Gago
10 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Cando Mark Zuckerberg ameazou con marchar de Europa se non lle deixaban transferir (legalmente) a Estados Unidos os datos persoais de Facebook e Instagram, unha parte significativa de Europa fíxolle un enorme corte de mangas. «Lévaa, meu rei». E ollo, porque esa indiferenza colectiva non era tanto de enfado como de alivio. No fondo sabemos que nada nos viría mellor que nos quitaran as redes. Pero mellor que non nos pidan que o fagamos nós mesmos.
A desaparición de Facebook, por exemplo, sería unha perda dramática para a cultura galega. Si, non me volvín tolo. Sería o equivalente a que nos esborrallaran un par de centos de castros (temos algúns miles) ou que queimaran un bo fondo editorial. Porque hoxe en día en Facebook está a parroquia virtual: aquí conviven por maxia os de aquí e os emigrados. E os grupos de xubilados de Palmeira, Ribeira, Porto do Son, Boiro ou A Pobra publican nesta rede unha descomunal cantidade de fotos antigas e lembranzas. Se lles pediran que doaran a unha institución pública ese material todo serían problemas, pero raio, a Zuckerberg non lle esixen nada.
Teño recollido tradición oral, documentado palabras e topónimos, atopado xacementos arqueolóxicos e conectado con eses veciños que saben todo da súa parroquia. Onde irá todo iso cando nos pechen Facebook? Perderase na chuvia.
Así que aínda que cada vez dea máis preguiza entrar: Mark, polo ben da cultura galega, non nos peches Facebook. Prometo facer campaña para que recibas unha Medalla Castelao.