PSOE de Ribeira: Unha crónica división

BARBANZA

03 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Menos mal que a xente seguidora da política está anestesiada polo que lle pasou ou lle está a pasar ao PP. De maneira que calquera crítica que se poida facer o PSOE de Ribeira, non será nada se a comparamos coa caza de bruxas do partido rival.

Como xa contou este diario, o vindeiro sábado haberá eleccións na sede de Ribeira, para renovar a comisión executiva municipal. Dese acto sairá o novo secretario ou secretaria local do partido. Algúns pensarán que a cousa xa está feita por canto un dos candidatos xa se decantou para encabezar a candidatura, posiblemente apoiado polas altas esferas do partido a nivel autonómico. Pero a teimuda experiencia dinos que desta vez haberá máis de unha lista en competición.

Chegados aquí podémonos preguntar: é malo que haxa máis dunha candidatura?. Calquera diría que non ten porque ser malo, pois nunca o foi o feito da pluralidade democrática. Pero o malo está en que as candidaturas se fagan ou apoien sen contar coa opinión daqueles/as que non pensan de parecida maneira. Ou sexa; que non se intente unha aproximación entre as diferentes correntes de opinión recoñecidas nos propios estatutos do PSOE.

Quen isto escribe xa sabe, vaia se o sabe, que, cando as posturas están moi afastadas, non é nada doada a negociación. Pero para iso están os cargos recentemente elixidos. Por elo, é posible que moitos militantes tamén se fagan a seguinte pregunta: Para suavizar as posturas claramente diferentes dos dous ou tres grupos de membros da asemblea que teñen formulacións diferentes e piden unha renovación máis profunda na dirección local —aquí ven a pregunta— non sería axeitado que o secretario responsable de organización acudise a calmar os ánimos e tratar de atopar un consenso para evitar que o partido da sexta poboación da provincia se rompa en cachos?

Xa se sabe que Ribeira non é A Coruña... pero tampouco é Negueira de Muñiz, con todos os respectos para ese pequeno concello.