Tito Concheiro: «Baroña agocha tantos tesouros que non se acabará nunca de escavar»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Ana Garcia

Sitúa o seu próximo gran reto na acrópole, convencido de que garda as respostas ás grandes preguntas que aínda quedan pendentes sobre a historia do castro

22 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A actividade arqueolóxica regresará proximamente ao castro de Baroña, en Porto do Son. Un equipo liderado por Tito Concheiro desembarcará no xacemento para seguir sacando á luz restos dos antigos poboadores da zona e para responder aos interrogantes que aínda permanecen abertos sobre aquela época. Os traballos permitirán que no vindeiro verán, o recinto, visitado cada ano por milleiros de persoas, conte cun novo atractivo.

—En que vai consistir esta nova actuación?

—Trátase dunha acción puntual, de pouca envergadura, pero que lle vai dar solución a distintos problemas que presenta o castro. Por unha banda, vaise escavar nun sector do recinto, onde descubriremos dúas novas vivendas. Esta é unha zona que foi intervida no 1933, nos primeiros traballos que se fixeron en Baroña, e á que non se lle prestou atención desde entón. Son restos que agora mesmo non se perciben ben entre os visitantes, que incluso pasan por riba deles. A idea é sacalos á luz e consolidar as estruturas.

—Hai tamén melloras no conxunto do castro?

—Si, vanse actualizar os contidos do punto de información turística que está na entrada, posto que os paneis actuais teñen imaxes do 2012, cando aínda non se fixera a intervención que permitiu descubrir o sistema defensivo e a muralla, o que supuxo un antes e un despois neste xacemento. Vanse adaptar as imaxes e os textos á realidade do castro.

—Aínda queda moito por descubrir en Baroña?

—Baroña agocha tantos tesouros que non se acabará nunca de escavar. Agora temos en mente unha actuación no recinto da acrópole, a parte máis elevada, porque no pasado outono fíxose unha sondaxe que revelou a existencia dunha gran muralla nesa zona. Escavala sería levar a Baroña a outra dimensión, pois daríalle unha singularidade única. Nun xacemento con tantas visitas como ten este, o traballo non remata nunca, pois sempre hai estragos causados tanto polo paso da xente como polas condicións meteorolóxicas do lugar.

—Amosaríase partidario de restrinxir de algún xeito o acceso de visitantes?

—De restrinxir non, pero si de regular. Un xacemento hai que visitalo coma un museo, porque son restos con máis de dous mil anos de antigüidade. Eu non son partidario de prohibir, senón de educar e de apelar ao sentido común. Hai que sensibilizar aos visitantes para que fagan o percorrido seguindo o itinerario que hai, que está deseñado para percorrer todo o xacemento. Así garantimos que o recinto non sufra e economízanse os custes de mantemento.

—Quedan moitos interrogantes pendentes de resposta sobre Baroña?

Cada vez que se entra no xacemento conséguese información nova. No 2015 produciuse o gran estoupido, cando se descubriron dúas fases do sistema defensivo, a muralla e a torre; pero queda toda a acrópole por escavar e estas zonas sempre esconden moitos segredos. Nós intuímos que aí pode haber construcións grandes de uso social, como ocorre noutros castros. Aí poden estar moitas das claves do pasado de Baroña.

—Ansía entón escavar esa zona?

—Eu e calquera arqueólogo. É o gran soño que temos os integrantes do equipo que levamos desde o ano 2012 en Baroña, polo que suporía para a posta en valor do xacemento e porque pensamos que agocha información moi interesante. Sería o paso definitivo para coñecer á xente que viviu alí, para saber cando e por que se foron e tamén para ter unha visión xeral do que significou este recinto dentro do contexto castreño.

—Ve próxima esa escavación?

—Véxoa a medio prazo. No 2012, cando chegamos a Baroña, o gran problema era a conservación do castro, porque corría o risco de perderse todo. Agora que esta fase está superada xa empeza a soar a posibilidade de traballar na zona da acrópole. Penso que é o momento de resolver interrogantes que aínda hai pendentes e para iso é necesario sacar á luz o que se agocha nesa parte alta do recinto.