Historias para calmar a dor

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

17 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As mortes dos mariñeiros son mortes para todos nós. Porque a todos os que temos, ou tivemos, familia mariñeira, fícanos algo dese medo soterrado a que un día chegue unha chamada coa peor das noticias. O mariñeiro nunca estivo só: a súa desgraza sempre era compartida por todos e por iso nas vilas mariñeiras cando morría un home no mar desenvolvíanse solidariedades que apoiaban, na medida posible para unha comunidade humilde, ás viúvas que ficaban soas cos fillos.

Os mecanismos máis singulares da nosa cultura foron aqueles que xurdiron para atenuar o traumático impacto nas familias dos naufraxios e da perda dos seres queridos. O antropólogo Marcial Gondar estudounos de xeito brillante no seu libro Mulleres de mortos, nos que incluíu moitas testemuñas da nosa comarca. Os famosos avisos, as sinais, os aparecidos, a Santa Compaña. Poderiamos trazar un mapa do Barbanza ou da ría de Muros e Noia no que veriamos como as historias de aparecidos se concentran na costa e van desaparecendo cara o interior. Están onde está a dor.

Esas mulleres tamén me teñen contado a min moitas delas. As súas historias son case cinematográficas, porque contan a última despedida. É de noite. Ao pé da cama da muller aparece o seu home, achégase, agarímaa, dálle un bico. A muller percibe o tacto frío da pel do home, ás veces mollada, con sabor salgado. Poucas horas despois reciben a chamada terrible. O home atravesou nunha noite océanos enteiros para se despedir. A dor non desaparece, pero cando menos quedou iso no corazón.