Quero queixarme

BARBANZA

10 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Amin este bo tempo tenme farto. No inverno quero poder queixarme da chuvia, ficar lendo na casa de vagar, escoitar as fiestras co bater do vento e da auga.

É como cando saímos da casa sen carteira: fáltanos algo, e o que máis nos falta non é a carteira, senón un anaco do día que se nos quedou atrás na cómoda. Igual que temos rutinas do día, tamén as temos do ano, e por iso eu non probo unha orella ou unha filloa ata que non chega o mes de febreiro, malia que moitas pastelerías están xa tentándonos desde o 15 de xaneiro.

Eu quero poder resignarme porque Galicia é así, e a chuvia do inverno fai posible un país verde, espeso e frondoso; quero poder subir á serra e andar entre a brétema e a herba enchoupada, e quero descubrir as pequenas fervenzas que só se forman en regatos humildes; quero sentir o pracer reconfortante dun caldo quente se chegas morto de frío.

Na casa temos a vaga esperanza dun abril e un maio chuviosos, que enchan os cumios dos Ancares de neve e que nos fagan sentir que o mundo segue igual porque aínda é capaz de cambiar en cada estación, ofrecernos as flores no tempo no que deben florecer, do mesmo xeito que as festas non cambian de mes.

Nos filmes de espías de acción como James Bond ou Misión imposible, sempre aparecen iates, casas de luxo e hoteis de cinco estrelas polos que se moven os protagonistas.

Son trucos para cautivar o espectador que nunca poderá chegar a eles. Nos últimos anos, tamén aparecen moitas paisaxes nevadas. Iso debera poñernos sobre aviso.