MARCOS MÍGUEZ

18 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Azapatilla foi a ferramenta máis común na educación familiar española. É así como as nosas xeracións medramos dereitos como espetos, sabendo diferenciar o ben do mal. Algúns autores argumentan que a zapatilla foi o antecedente do búmerang, pero moitas veces non fixo falta usala, bastaba cunha mirada para chantarse quieto e non escornar, aínda que sempre houbo rapaces que escornaron. Hoxe, os pais entenden que os nenos poden facer o que lles pete para seren seres libres, e moitas veces ata lles facilitan ferramentas electrónicas para que non lles dean a lata. Iso non é educar.

Estiven algúns días explicando unha exposición de alfombras e puiden comprobar a ausencia da zapatilla. Poñer unha man enriba dunha obra de arte, ás veces ata o pé, ou deixar caer plásticos ou flocos de millo sobre ela, tocar onde había letreiros de non tocar e outras accións propias de seres libres, pero ignorantes da cultura do esforzo, do respecto polos demais, e moitos outros valores que xa non se transmiten.

O peor era ver á nai do causante ignorar as trasnadas do seu fillo e, mesmo tras eu chamarlle a atención, nin se molestar en explicarlle algo a ese cativo, que hoxe pisa alfombras, mañá collerá un aerosol e pintará paredes e pasadomañá estragará unha fonte medieval.

É así como cheguei a entender por que neste século estragamos tanto patrimonio ou facemos tantas pintadas. Fállanos a base, está ausente a autoridade, e non existen os valores. Baixo a bandeira da progresía e da liberdade, estamos creando monstros que destruirán o traballo feito polos devanceiros.