O BNG reivindicará este sábado en Rianxo a vixencia do legado de Castelao cunha homenaxe

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Cedida

Celebrarase este acto con motivo do pasamento do escritor e político, que finou o 7 de xaneiro cando estaba no exilio en Bos Aires

12 ene 2022 . Actualizado a las 20:37 h.

O BNG volverá a reunirse en Rianxo para homenaxear a un dos seus grandes referentes políticos, Castelao. Será este sábado (12.00 horas, no paseo da Ribeira) nun acto no que estarán a portavoz da formación nacionalista, Ana Pontón, así como o alcalde da localidade, Adolfo Muíños, e a responsable do partido na vila, Mercedes Pimentel.

O BNG celebrará este acto con motivo do pasamento do escritor e político, que finou o 7 de xaneiro cando estaba no exilio en Bos Aires. O obxectivo, apuntan dende a formación, é lembrar a vixencia do seu pensamento e da súa obra, «sempre semente frutífera para o conxunto do nacionalismo galego e un guieiro para o BNG, polo que supuxo de entrega á defensa da nación e que Castelao mantivo ata o fin dos seus días, mesmo tendo que sufrir o exilio e a persecución por parte do fascismo español», afirmou hoxe, nunha rolda de prensa celebrada na vila, Lucía López, da área nacional de organización do BNG.

Un pai da patria

O rexedor local, Adolfo Muíños afirmou que «Castelao é o pai da patria, o construtor da nación como o define unha recente biografía súa». Tamén destacou a súa presenza en Rianxo, onde «pasou unha parte moi importante da súa vida, un lugar de presenza constante na súa produción artística e, nese senso, esta homenaxe con motivo do aniversario do seu pasamento é unha cita obrigada para este concello no que a pegada de Castelao permanece ao longo do tempo».