María Monteagudo: «Sorpréndeme que o expediente á xuíza de Marbella se arquivase»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A letrada describe, sen pelos na lingua, a súa visión da Xustiza na vila muradá

09 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

María Monteagudo Romero (Muros, 1969) é dende hai 28 anos a delegada do colexio de avogados da Coruña no partido xudicial muradán. Veterana na profesión, coñece á perfección os problemas que afectan á súa vila. Explica sen pelos na lingua que a carga de traballo neste xulgado é brutal, e tamén que se precisa de reforzos e dun espazo propio.

—Leva na profesión dende os anos 90. Cambiou moito a Xustiza dende aquela?

—Eu aínda collín os últimos coletazos do antigo sistema, e é certo que mellorou considerablemente. Pero a Administración de Xustiza segue sendo un gran tema pendente, xa en instancias que a nós nos quedan un pouco lonxe. Antes funcionábase con máquinas de escribir e a dixitalización foi un gran avance. O cambio da lei de enxuizamento civil fixo que os asuntos se axilizaran e a tramitación fose menos farragosa. A evolución foi positiva.

—Pero di que segue sendo un tema pendente.

—Si, evidentemente a nivel político a Xustiza nunca interesou. É complexa e abordala non é nada fácil. Precisa dunha inversión brutal que ninguén está disposto a facer. Houbo intentos de centralización, pero sempre fracasaron. Era unha idea que para Galicia era catastrófica, porque a dispersión da poboación é brutal. Iso vese máis claro agora. En Castela ou Madrid igual pode funcionar, pero aquí é imposible centralizar todo en Santiago, A Coruña ou as grandes cidades.