Enrique Paisal: O músico que chegou ao máis alto

L. Veiga RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Vén de ser galardoado co Premio Sereo de Barbantia á Traxectoria Cultural 

22 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Enrique Paisal Rego (Palmeira, 1938) vén de ser recoñecido co Premio Sereo á Traxectoria Cultural outorgado pola Asociación Barbantia. Aínda que xa hai anos que se retirou dos concertos en directo e tamén da súa vida laboral como docente, as notas seguen percorrendo as veas do músico, que hoxe en día continúa tocando na tranquilidade do seu fogar.

Todo comezou como unha tradición familiar, seguindo a estela que deixaban o seu avó e o seu pai. Nos descansos dos seus concertos, cando Paisal apenas contaba con 7 anos, subíano ao escenario co seu acordeón e unha caixa de refrescos a modo de tallo para que o público puidese velo. As actuacións continuaron ata os 14, cando se trasladou a Santiago de Compostela para continuar coa súa carreira no conservatorio e comezar a tocar como pianista na grella do Hostal dos Reis Católicos. Catro anos máis tarde, coa maioría de idade acabada de cumprir, fundaría Los Tamara, o grupo que lle deu a fama e o recoñecemento.

Dan man dos seus compañeiros, Paisal percorreu o mundo tocando, entre outros, no Olimpia de París, no Casino de Marraquech e no Casino de Niza: «Fomos a todas partes e tivemos unha boa vida. A música é todo e hai que tocala».

A traxectoria do tamén compositor continuou compatibilizando tanto as súas actuacións en solitario como os seus labores dentro da ensinanza. A partir do 1975 sucedéronse as actuacións no hotel Temple en Ponferrada e, en Santiago de Compostela, tanto no hotel Araguaney como de volta no Hostal dos Reis Católicos. No conservatorio da capital galega estreouse como mestre, continuando o labor posteriormente na escola de música do Liceo da Pobra e na escola municipal de Ribeira.

Esta última formou parte dos inicios do actual conservatorio da localidade, renomeado na honra do músico no 2019, no que tamén exerceu en calidade de director ata 2009 e polo que tanto loitou para que se recoñecera a titulación oficial: antes das súas demandas, os estudantes debían acudir para examinarse ao centro de Santiago.

A xubilación

A pesar de terse retirado aos 70 anos da vida laboral do conservatorio, a Enrique Paisal custoulle máis abandonar a Coral Polifónica de Ribeira, da que foi fundador. Por isto, á discografía con Los Tamara e á súa propia en solitario debe engadir tamén o álbum que recompila as voces da agrupación musical.

Só cando xa tiña cumpridos os 80 foi cando deu por xubilada esta etapa e pasou a gozar da música dunha forma máis privada e íntima. Dúas veces por semana, o seu amigo Andrés Manuel vai a súa casa e xuntos tocan as súas cancións de sempre, lembrando a época que ambos compartiron na coral: «El canta moi ben e toca a guitarra e facemos boa combinación. Poñemos a gravadora e eu toco o piano».

Agora, no salón da súa casa e acompañado pola súa filla Ketty, séntese orgulloso da educación que lle deu tanto a ela como ás súas irmás, baixo a norma de que a música había que probala. Con ela, a que máis seguiu os seus pasos, goza rememorando as xiras: «Eu non podía imaxinar esa vida. Agora son o último, o único que queda vivo».

Para Ketty, a historia do seu pai foi, e segue a ser, un referente e recoñece con admiración que «cando o penso, dáme mágoa non ter vivido a época de Los Tamara. Eran moi innovadores e logo todos eles viviron da música, a maioría como docentes, porque se non tiñan ese contacto non vivían. Ao meu pai dáballe igual conducir tres horas con tal de poder tocar».

Internacional. Alén dos seus estudos no conservatorio, tamén acudía a clases con mestres recoñecidos de varios países durante as xiras de Los Tamara.

Discos. O seu último álbum en solitario foi lanzado en 2009, uníndose aos que xa sacara e ás colaboracións con diversos artistas.