El puente III

XABIER L. MARQUÉS

BARBANZA

Fernández insire nesta obra un sentido social e crea unha tensa rede de liñas xeométricas
Fernández insire nesta obra un sentido social e crea unha tensa rede de liñas xeométricas

18 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Cantos menceres, frío tras do seu ondeado repouso, haberán de mollarse as asas das gaivotas pivotándoo...»

(Á ponte de Brooklyn, Hart Crane)

Que é o que é unha ponte?

—É unha construción que permete salvar un accidente xeográfico, ben sexa un río, un canón, un val, un corpo de auga... ou calquera outro obstáculo físico, xa sexa unha estrada, un camiño, unha vía férrea...

As definicións dos dicionarios poden ser máis menos acaídas, pero non son axiomas. De ser eu un pensador sistemático pararíame na verba «salvar» (librar dun risco, socorrer...) e poría obxecións polas propias connotacións que o verbo «salvar», suxire; amais, pode inserir na idea de ponte certos ecos salvíficos, mesmo no concepto de «obstáculo». Porque, que é o que é un obstáculo, entón? Un obstáculo é un impedimento... Que estaria a facer? Unha análise estrutural da propia historia da palabra. A analítica do concepto de ponte. Non outra cousa pretendían os pintores chamados cubistas: «desarmar» (que non é o mesmo que «espir») moi polo miúdo as figuras, reordenalas dende diversas perspectivas... Velaí a xeometría, a importancia do triángulo, as celosías... Tamén as intencións do construtivismo do que aleita Albino Fernández: a eterna discusión sobre a finalidade da obra de arte. E, Albino Fernández traballa unha obra da que é inseparábel a súa función social. Insire no El puente III (1957) un sentido social, sempre presente na súa obra, e crea unha tensa rede de liñas xeométricas de forte potencia que camiñan cara á abstracción formal, si... E, nesa intencionalidade amósanos cal é o cerne da definición de ponte. Unha ponte é unha construzón, un novo camiño, que nace da nada e polo que se pode transitar: ir e vir, coñecer e esquecer, amar ou odiar... Xamais atopariamos un símbolo máis imprescindible para representar o esforzo ímprobo dun pobo a fin de procurar desanoar os vencellos e sentirse máis libre. Unha construzón mística, como as pirámides precolombinas... Unha vía que ocupa un baleiro.

Morfosintaxe

Porén, esta xeometrización da ponte esquece a exquisita e precisa morfosintaxe dunha ponte (así pode parecer de atendermos só á contemplación das súas vigas ou dos seus piares). Podemos esquecer a rica semántica desta construzón?

Asento andén antepeito apoio arriostrados arcada barandilla bastión contraventeo estribos lousa lus mangardas ollos pía pilote ripio taboleiro taxamar viga zapata... Todo un poema! As pontes de lúa...

O artista sae á rúa e reflexiona verbo da súa dinámica, da súa estética, do seu ritmo cotián. Persegue construír outra realidade espindo esta.

Que é unha ponte? Unha construzón convertida en arte facto, polo que asoma o verde do mar concreto, co seu ritmo de divagacións, coa súa babuxa e a súa epilepsia (como diría Oliverio Girondo).