Medrar

UXÍA CASAL

BARBANZA

18 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ese paso enérxico e decidido, case marcial, amosa unha pequena actriz que xoga a representar un papel aínda demasiado grande para ela. Podo enxergar o soño infantil de sentirse maior, o degoro de ser coma a mamá, mentres comprobo (ou intúo) canto me quedaba por medrar para que os pés non navegasen nos seus zapatos prestados. Canta impaciencia por «facerse maior»! Canta inconsciencia aniñaba nese finximento do longo e avolto percorrido que cumpriría salvar! Que amodo pasaban os anos! Que eternos se facían! Que emoción mudar o número sempre crecente que me achegaba á meta cada vez máis próxima!

Mais un bo día, medrar perdía a graza que tivera, xa non provocaba aquela ilusión tola celebrar un novo aniversario, as obrigas comezaban a pesar, o mundo dos adultos perdía a pasos de xigante a auréola máxica que o fixera desexable... O difuso «facerse maior» quedaba lonxe daquela lambetada que tanto apetecera gorentar cando só era un devezo.

Canta tenrura esperta en min a visión desa meniña desexosa de medrar, ignorante aínda do complicado mundo dos adultos, dos traballiños que comporta ser responsable de todos e cada un dos nosos actos! Que gana de collela no colo e abrazala! Malia que, estou certa, ela xa sabía que (case) todo iría ben.