Xosé Antonio Neira: O autor que conquista a literatura infantil

L. Veiga RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

XOAN A. SOLER

Tras a vitoria na segunda edición, repetiu galardón no cuarto Premio Carlos Mosteiro

08 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A pesar de ter escrito obras para o público adulto, a literatura infantil é un ámbito ben coñecido para Xosé Antonio Neira Cruz. Todo comezou case de casualidade cando, acabada de cumprir a maioría de idade, presentou a concurso unha obra que encaixaba neste xénero. O escrito converteuse en Ó outro lado do sumidoiro, premio Merlín de 1988, e foi a partir de aí que o autor «utilizando as palabras de Joles Sennell, ‘non escollín a literatura infantil e xuvenil, senón que ela me escolleu a min’». Agora, vén de reafirmar esta relación erixíndose como gañador da cuarta edición do Premio Carlos Mosteiro, organizado polo Concello da Pobra, coa súa obra Por mor de cinco pizzas ós catro queixos.

—Tamén foi escollido como gañador da segunda edición. Cales son as sensacións?

—É moi gratificante. Un cando escribe non está seguro de a onde pode chegar a obra que está elaborando. Ao final é ver como un xurado cualificado valora que a obra que escribe un merece ser recoñecida. Ademais, cando se dá a circunstancia, como expresou o xurado, de que este ano se entregaran numerosos escritos e dunha calidade elevada.

—Por que decidiu volver concorrer a este premio?

—En primeiro lugar, porque nada o impedía. As bases non especifican que as persoas gañadoras das edicións anteriores non poidan volver a participar. Pero tamén hai unha razón concreta: eu fun xurado da terceira edición, que quedou deserta porque se presentaran poucos escritos, que non acadaban a calidade suficiente. Foi unha situación que me deu bastante pena por ser un concurso de recente creación e que ademais pretende render homenaxe a un escritor como foi Carlos Mosteiro. Cando lle ocorre isto a un galardón tan novo non é un bo augurio. Decidín volver presentarme para dar unha maior proxección.

—Por que cre que se puido presentar máis xente nesta edición ?

—As razóns concretas non as coñezo, pero é certo que este ano os organizadores decidiron apostar por elevar a contía para o gañador, que sempre serve de reclamo para as persoas que están dubitativas. Aínda así, eu son dos que pensa que nunca se debería escribir centrándose nun premio. É algo completamente persoal e por suposto todas as opcións son lexítimas, pero na miña opinión un debería escribir porque quere facelo, porque ten unha idea e lle apetece desenvolvela, independentemente de que poida ser publicada ou non.

—Como foi o proceso de escritura de «Por mor de cinco pizzas ós catro queixos»?

—É unha obra que levaba no meu ordenador, cando menos, unha década sen rematar. Cando comezou o confinamento, como todo o mundo, tiven máis tempo para poñer orde na miña casa e entre as miñas cousas. Atopei documentos que definitivamente borrei e outros como este que, co paso dos anos, miraba con outros ollos atopándolles unha conclusión ou unha continuación que no seu momento non fora quen de atopar. O tempo é fundamental para darlle unha lectura crítica ao que escribimos.

—Ten a alguén máis para apoialo nesa lectura crítica?

—Cada quen ten os seus métodos. Eu estou afeito a facer as cousas, literariamente, en solitario. Por iso tamén valoro o exercicio de someter os escritos a un premio: é un procedemento neutral e limpo onde dá igual que sexas novel ou que xa teñas obra publicada. Permíteche obxectivar os resultados.

—Que cre que chamou máis a atención do xurado?

—Baseándome no que eles expresaron, para min resulta moi importante que salientaran os diálogos ben construídos, o humor dirixido ao público infantil e a sorpresa que lle supuxo a historia ao propio tribunal.

Premio. Ademais da dotación económica outorgada, o galardón tamén leva aparellada a publicación da obra na colección Árbore de Galaxia. Aínda non hai data para a saída ao público, pero Neira Cruz xa deixou o escrito en mans da editorial, que comeza a traballar na ilustración da historia.