Cen páxinas dedicadas á cultura de Barbanza

BARBANZA

cedida

O sexto recompilatorio de A voz de Barbantia preséntase hoxe no centro social de Boiro

26 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación Barbanza e La Voz de Galicia volven a aliarse coa cultura da comarca sacando á luz o sexto recompilatorio de A voz de Barbantia, unha publicación que recolle os números do suplemento comprendidos entre o 125 e o 150. En total, un cento de páxinas dedicadas á historia, á literatura, á arte e á paisaxe, con espazos abertos á participación de todos os veciños.

Nun mesmo volume, os lectores atoparán 25 convidados, a sección coordinada por Manuel Cartea e Antón Riveiro Coello que abre sempre o suplemento e que ofrece unha viaxe pola vida e a obra de destacados personaxes da comarca. Entre os elixidos nesta ocasión están perfís tan variados como os do músico Francisco Tubío, a pintora Loli Regueira, o promotor cultural Suso Santamaría, a escritora María del Carmen Rey Núñez e a astrofísica Nieves Delgado.

Tamén terán os lectores ocasión de coñecer outras tantas voces da terra da man de Isabel Santos, que desvela a orixe e o significado de topónimos como Artes, Requeixo, A Trapa, A Cova da Moura, O Confurco e Balteiro.

Outras seccións

Suso Laíño fai unha nova achega en forma de propostas literarias, entre as que se atopan Transición, de Pablo Fernández Barba; Bótame deste mar fóra, de Xosé Ricardo Losada; Sé pedra na brétema, de Ramón Blanco ou Percorridos por unha teoría do desexo, de Alberte Pagán.

Mentres, Pastor Rodríguez descobre escritores como Xosé Álvarez Castrelo, José Benito Hermida Juanatey, Gonzalo Hermo, Xosé Duncán, Fernando Lavandeira e Pemón Bouzas.

A historia volve a cobrar relevancia neste recompilatorio, que fai posible coñecer episodios do pasado como os sucesos ocorridos en Leiro no século XVI, a revolución de Boiro contra os impostos no 1932 ou os cen anos dos fielatos, casetas de cobro das taxas que se lle aplicaban ao transporte de mercadorías.

Este sexto recompilatorio mantén os seus espazos dedicados á paisaxe da comarca e aos seus artistas, parándose na obra de creadores como Olegario Sampedro, Ricardo Davila, Manuel Romero, Rosana Calvo, Lucía Romaní e Manuel Ayaso. Complétase con apartados nos que entran en xogo os lectores, os novos escritores, as imaxes que encerran unha historia e as plumas consagradas que achegan pequenas narracións.

A presentación do volume terá lugar hoxe en Boiro (centro social, 20.30 horas), pero a súa distribución comezará o domingo nos puntos de venda de La Voz de Galicia. Pode conseguirse co xornal, aboando un suplemento de dous euros.