Vicente Feijoo: «A toponimia é un tesouro cultural que se está perdendo e hai que preservalo»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Percorre Galicia animando á cidadanía a sumarse á recollida de nomes de lugares

26 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega (RAG) puxo en marcha hai uns anos o proxecto Toponimízate, co fin de recuperar e divulgar a microtoponimia da comunidade. No marco desta iniciativa, activou unha aplicación, Galicia Nomeada, para que os veciños realicen as súas achegas. Vicente Feijoo, coordinador da unidade técnica de toponimia da RAG, percorre as localidades animando á cidadanía a achegar o seu grao de area.

—En que punto está o proxecto Toponimízate?

—Este é o cuarto ano no que desenvolvemos o programa de charlas para sensibilizar á poboación sobre a acelerada perda da nosa microtoponimia, debido ao despoboamento do rural e tamén a que os maiores, que son a nosa memoria viva, se marchan e con eles vanse centos de topónimos que só teñen vida na súa cabeza. Trátase de facerlle ver á xente a importancia da toponimia galega, que é única no mundo, tanto pola súa variedade, pois aquí todo tiña nome, desde un lugar ata unha leira; como pola antigüidade, pois temos termos con máis de catro mil anos. A toponimia é un tesouro cultural que se está perdendo e hai que preservalo.

—Que función ten a aplicación Galicia Nomeada?

—É un proxecto de colaboración para a recollida, salvagarda e difusión da microtoponimia galega. Consiste nunha aplicación para que cada persoa achegue nomes e os sitúe sobre unha fotografía aérea. Tamén se pode incluír un audio coa pronuncia, unha imaxe se é un elemento de interese e mesmo un vídeo cunha lenda, un dito ou un comentario. Toda esta información queda aí, a disposición de todos os galegos. É unha información cultural que poucos países van ter.

—A quen vai dirixido este proxecto de colaboración?

—Buscamos implicar a toda a sociedade e tamén á comunidade educativa, porque queremos que sexa un proxecto integrador entre distintas xeracións. Os topónimos sempre se transmitiron de forma oral e a cadea estase rompendo, por iso queremos que os rapaces sexan o chanzo perdido, que suban á plataforma a información que lle faciliten os avós.

—Que resultados se obtiveron ata o de agora?

—En decembro fará dous anos que empezou a funcionar a aplicación e, aínda estando polo medio a pandemia, temos unhas 2.300 persoas rexistradas, que achegaron máis de 34.000 topónimos. Deles, o equipo técnico da RAG leva validado o 80 %. As charlas funcionan para impulsar á cidadanía, que se dá conta da importancia que ten a toponimia. Falta que, nos centros de ensino, ese interese se traduza en achegas. Quizais sería necesario un impulso por parte do profesorado, para que os rapaces se animen a recoller topónimos.

«Os topónimos sempre se transmitiron de forma oral e a cadea estase rompendo»

—Cal é o obxectivo que se marcou a Real Academia Galega con esta iniciativa?

—O obxectivo é estender o proceso de recollida que está en marcha a toda Galicia. Aos 34.000 nomes que levamos na aplicación hai que engadirlle os máis de 400.000 que foran contabilizados nun proxecto anterior. A cifra total pertence a un 40 % de todo o territorio galego, polo que queda pendente un 60 %. A idea é actuar en toda a comunidade nun período máximo de dez anos, pois se tardamos máis perderemos moita información. O obxectivo é chegar aos dous millóns de microtopónimos. Non hai rexión no mundo que teña un mapa cultural destas características.

—Atoparon algún municipio ou algunha zona cunha toponimia especialmente singular?

—Hai concellos nos que aínda existe moito minifundismo e, polo tanto, son máis ricos en topónimos. É o caso de Cangas do Morrazo e de Oia. Neles, a densidade de nomes é moi elevada. Topónimos simpáticos e curiosos hainos en todos os municipios, pero aínda temos algúns nos que non se recolleu ningún nome. Esperamos que a xente se vaia sensibilizando e vaia facendo as súas achegas, xa que son imprescindibles para que este patrimonio cultural se conserve.