Casa do Mar de Palmeira

José Vicente Domínguez
josé vicente domínguez LATITUD 42°-34?, 8 N

BARBANZA

24 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Daquela, cando Felipe González presidía o Goberno de España, no lugar onde se alzaba a señorial e simbólica palmeira da horta do cura (morta por un transplante feito á presa), o ISM (Instituto Social da Mariña) fixo un fermoso edificio para a atención médica dos moitos homes e mulleres que tiñan a súa prestación sanitaria grazas o traballo no mar. Era o que en todos os lugares costeiros se coñecía como a Casa do Mar.

E tres anos despois de que Aznar fose investido presidente do Goberno grazas ao apoio dos nacionalista cataláns, un tal Juan Carlos, Rei de España, firma un Real Decreto polo que se lle traspasan á Xunta de Galicia «los bienes patrimoniales, derechos y obligaciones del ISM». Entre tales bens patrimoniais, figuraba o número 377508, baixo o título e descrición de «Casa del Mar, ubicada en Palmeira, calle Cruceiro de Cruces, número 2, consta de sótano, bajo y primera planta, con una superficie total de 638,48 metros cuadrados». Corría o ano 1999 da era de Fraga. Por certo, no documento faise constar que o título xurídico débese a unha «cesión gratuita del Ayuntamiento de Ribeira del 29/04/87».

Pois ben, despois deste longo introito, convido a vostedes que pasen e vexan o estado deplorable no que se atopa a fermosa Casa do Mar. No patio exterior da entrada principal que dá acceso as dependencias, hai teas de araña, esconchados e filtracións nas paredes e danos varios que dan idea da falta de coidados do edificio. E, se vostedes non son alérxicos a mofos, humidades e lixos, poden penetrar no interior, onde se atoparán con diversos exemplos de falta de mantemento e limpeza, dos que non quixera entrar en detalle.

Dito así, poderíase pensar que na actualidade ninguén ocupa as instalacións. Pois non, a Casa do Mar acolle as seguintes entidades e servizos: centro médico (por certo, dignamente mantido e atendido), confraría de pescadores, oficina de Correos (ridícula, escasamente atendida e cutre dependencia), salón de actos, local de xubilados e unha digna cafetería. Pero a pesares de todos estes servizos, ao parecer, a Casa do Mar de Palmeira non é de ninguén! O Concello chámase a covas en asuntos de mantemento do edificio, aínda que recentemente o utiliza para as súas xuntanzas de información de goberno (léase: facer política). Polo visto, a Xunta non responde e, aos demais, para o que pagan, parece que nos lles vai nin lles ven. Total, unha pena de local ao que, cando por necesidade temos que acudir, dannos ganas de facer unha subscrición para que un edificio tan ben situado, tan bonito e funcional, non se vaia deteriorando pola desidia duns e doutros. Non cabe dúbida que a titularidade é da Xunta de Galicia, aínda que as culpas do abandono pódenllas cargar a Sánchez ou a Zapatero.