A imparable Barbantia saca á luz o seu sexto recompilatorio

BARBANZA

MARCOS CREO

O volume recolle 25 números do suplemento mensual da asociación

23 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Seguimos sumando, subimos un chanzo máis». Con estas palabras se refire o presidente de Barbantia, Manuel Cartea, ao sexto recompilatorio que a asociación presentará este venres, ás 20.30 horas, no centro social de Boiro. O volume recolle 25 novos números de A voz de Barbantia, o suplemento que cada último venres de mes se distribúe con La Voz de Galicia. Trátase, en concreto dos números comprendidos entre o 125 e o 150.

Cartea explicou que o lanzamento desta publicación sufriu un retraso por mor da pandemia. De feito, a previsión é que o ano próximo vexan a luz dous novos recompilatorios, un cara o verán e outro en decembro. «O suplemento e, polo tanto, este volume que os agrupa, é unha gran fiestra, unha oportunidade para que os autores consagrados e os novos poidan escribir e publicar», apuntou o presidente de Barbantia.

Nesta publicación, os lectores poderán descubrir 25 novos personaxes da comarca, entre os que figuran a escritora Natalia Carou, o profesor Miguel Somoza, o cineasta Alberte Pagán, o dúo musical Barahúnda, o promotor cultural Suso Santamaría ou as pintoras María Magán e Loli Regueira.

A través da sección dedicada á historia e coordinada por Manuel Mariño del Río, o recompilatorio viaxa no tempo para achegar información sobre importantes episodios do pasado como a epidemia de cólera rexistrada no 1854 en Porto do Son, o asociacionismo agrario de Nebra, os gravados rupestres de Abuín, o novo urbanismo de Boiro ou os henges de Barbanza.

Unha decena de seccións

Da man de Antonio Piñeiro, encargado de As letras da arte, chega a información sobre grandes creadores da comarca como Olegario Sampedro, Ricardo Davila, Manuel Romero, Nacho C. Beiro, Rosana Calvo, Manuel Ayaso, Maralla e Domingo Regueira.

Tamén contribuíron a darlle forma a este recompilatorio Antón Riveiro, Pedro García Vidal, Isabel Santos, Xulio Gutiérrez, Pastor Rodríguez, Suso Laíño, Encarna Pego e Ricardo Losada. Eles son, xunto co propio Manuel Cartea, os encargados de coordinar as diferentes seccións que conforman cada suplemento de A voz de Barbantia.