Esperanza Mara, Manuel Caamaño e Centro Arqueolóxico, finalistas aos Sereos

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Enrique Paisal, Ana Blanco, Cofradía da Dorna, Museo Valle-Inclán, Manuel Olveira e Sonia Lebedynski repiten candidatura aos premios de Barbantia

21 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os premios Sereo da Asociación Cultural Barbantia chegan á súa décimo quinta edición. Van ser os socios da entidade os que elixan entre os tres candidatos por cada unha das tres categorías que buscan recoñecer a traxectoria cultural dun ou dunha barbancesa, a iniciativa a prol da cultura a cargo de entidades e colectivos, e a persoeiros destacados a nivel galego. Como é costume, os dous finalistas da convocatoria anterior que non foron agasallados, entran de novo en liza cun terceiro designado por votación popular dos socios.

Deste xeito, volven a optar ao Sereo da traxectoria cultural o músico de Palmeira Enrique Paisal e a noiesa Ana Blanco, voz autorizada en todo o que teña que ver con Rosalía de Castro. A incorporación vén dada pola soprano Esperanza Mara, que a pesar da súa xuventude conta cunha traxectoria espectacular no mundo da música.

No eido da iniciativa cultural no Barbanza, os socios deberán elixir entre a Cofradía da Dorna, que xa optou o ano pasado; o Museo Valle-Inclán, que tamén repite; e incorpórase o Centro Arqueolóxico do Barbanza.

No apartado da cultura galega, Manuel Olveira e Sonia Lebedynski volven a ser candidatos, e completa a terna Manuel Caamaño Suárez, cun currículo extenso en diversas tarefas, entre elas a da escritor.

Os socios de Barbantia que queiran participar nas votacións poden pronunciarse elixindo a un por categoría na papeleta que a entidade lles enviou, e que teñen que remitir cuberta por correo electrónico, ao enderezo barbantia@barbantia.es ou pastor@barbantia.es; ou por correo postal á sede da entidade no centro social de Boiro, antes do 10 de decembro. Tamén é posible votar en persoa nos actos que se desenvolvan. Así mesmo, pódense propoñer novos candidatos.

A entrega dos Sereos de Barbantia será este ano na casa de cultura de Outes, o 18 de decembro, ás 12.30 horas.