O BNG presentará alegacións para paralizar a autorización de verteduras nas minas de San Finx

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez NOIA

BARBANZA

CEDIDA

O proxecto está a exposición pública desde hai un par de semanas

18 nov 2021 . Actualizado a las 15:24 h.

Paralizar a autorización de verteduras nas minas de San Finx, en Lousame, é o obxectivo que persegue o BNG cunha serie de iniciativas parlamentarias que levarán tamén aos concellos da bisbarra e a presentación de alegacións ao proxecto, que está a exposición pública dende hai un par de semanas.

Así o explicaron os voceiros da formación nacionalista na ría de Muros-Noia e a deputada autonómica Rosana Pérez. Pretenden frear a autorización de verteduras industriais para o desaugue das galerías e a posterior explotación da zona mineira polo seu impacto ambiental. De feito, sinalan que previamente se realizou unha proba piloto que resultou negativa segundo o informe da área de calidade de augas, que conclúe que «as condicións propostas polo solicitante no expediente de referencia para vertido non permiten garantir o cumprimento dos obxectivos medioambientais e normas de calidade ambiental no medio receptor». Ante este ditame, sinala o BNG, a reacción de Augas de Galicia foi requirir á empresa para que presente unha corrección do proxecto cun novo tratamento das augas, unha actitude que non entenden: «Depositan fe cega nun proxecto refundido de verteduras ao medio sen ningún tipo de proba material no seu funcionamento válido».

Para os nacionalistas, do informe de calidade das augas emitido en abril despréndense tres claras conclusións que, na súa opinión, desaconsellan a autorización dos vertidos: «Os vertidos da proba piloto non cumprían cos parámetros da normativa ambiental, a afectación actual provocada pola ausencia de restauración ambiental é un feito real e contrastábel e cómpre a elaboración dunha avaliación de impacto ambiental».

Por todo isto, o BNG levará a cabo todas as actuacións que estean na súa man para, por una lado, conseguir a paralización da autorización e, por outro, facer efectiva a obriga de restauración ambiental da contorna das minas de San Finx.