O BNG insta á Xunta a defender os postos de traballo na planta de Servia colaborando na súa continuidade

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez NOIA

BARBANZA

CEDIDA

Os nacionalistas lamentan a «operación de acoso e derrubo do Goberno galego contra o modelo de xestión do lixo de Serra do Barbanza»

17 nov 2021 . Actualizado a las 14:08 h.

A través dunha nova iniciativa parlamentaria, o BNG volve insistir en instar á Xunta de Galicia a que defenda os postos de traballo xerados na planta de compostaxe do lixo de Servia colaborando coa mancomunidade Serra do Barbanza para garantir a continuidade dun proxecto que no seu día foi pioneiro. O deputado Luis Bará, xunto coas parlamentarias Rosana Pérez e Iria Carreira, presentou unha proposición non de lei que busca implicar á Administración autonómica no futuro das instalacións.

Do mesmo xeito, os nacionalistas lamentan a «operación de acoso e derrubo do Goberno galego contra o modelo de xestión de residuos de Serra do Barbanza, unha estratexia encamiñada a boicotear os intentos de darlle continuidade a este proxecto». Esta dura afirmación responde a unha carta que a directora xeral de Calidade Ambiental remitiu o pasado outubro á mancomunidade advertindo do incumprimento da normativa de residuos. No BNG lamentan que se utilizaran os datos do 2020 omitindo as dificultades para a xestión do lixo derivadas da pandemia, «que limitou durante semanas o funcionamento das instalacións da planta de Lousame», e ocultando que os datos de reciclaxe destas instalacións «son significativamente mellores que os de Sogama», unha entidade que, insisten, «incumpre dunha maneira moito máis evidente e alarmante as obrigas da normativa estatal e comunitaria».

Neste contexto, o grupo parlamentario do BNG insta á Xunta a defender os 150 postos de traballo do complexo medioambiental de Servia, un dos principais centros de emprego da comarca, e a colaborar coa mancomunidade para darlle continuidade ao proxecto «introducindo nel as melloras e cambios que sexan necesarios para garantir o cumprimento da normativa de residuos». Por último, a formación pide tamén que se proceda do mesmo xeito con respecto a Sogama «para evitar que incumpra de xeito escandaloso a normativa europea de residuos e sitúe a Galiza na cola do Estado en materia de reciclaxe».