Vicky Martínez: «Sen as doazóns, levar adiante o economato benéfico sería imposible»

L. Veiga RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Dende a entidade sinalan que hai escaseza de produtos nas achegas do banco de alimentos

27 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A finais de xullo, Cáritas de Noia poñía en marcha o primeiro economato solidario da diocese de Santiago de Compostela. As familias con poucos recursos son derivadas dende o Concello, pero, en lugar de recibir un lote estándar de alimentos como se facía ata a posta en marcha deste servizo, o obxectivo é que sexan as propias persoas usuarias as que decidan que é o que necesitan.

Vicky Martínez é a coordinadora do proxecto e explica que o seu funcionamento é moi sinxelo: «Damos unha lista cos produtos que temos. As persoas veñen con ela cuberta unha vez ao mes e repartimos os alimentos segundo as súas necesidades e circunstancias persoais». Constata tamén a resposta positiva das persoas usuarias: «Se non precisan un produto, xa non o levan. Da outra forma, a algunhas persoas dáballes vergoña dicir que non porque sentían que desprezaban algo e non é así. Eu na miña casa como o que quero».

Non obstante, non é doado: «Cando chega a furgoneta temos que descargalo todo nós e hai moitas cousas ás que non chegamos», di Martínez, a máis nova das nove voluntarias habituais. Por sorte, ela conta cunha ampla experiencia neste eido: «Estiven vinculada dende sempre como voluntaria, dando clases de español en Portosín e en Noia». Ademais, agradece a axuda da Cruz Vermella, coa que colaboran habitualmente: «Cando hai unha persoa con diversidade funcional, veñen eles para levarlle os alimentos. Durante a pandemia tamén foron eles os que recollían e repartían. Mesmo cando se organiza algún concerto solidario, tamén nos teñen en conta para repartir os fondos».

A boa acollida do proxecto, xunto coa disposición das voluntarias como Vicky, fan que xa estean pensando en novos camiños: «Queremos que os usuarios valoren o que custan os produtos. O noso plan é poñer en marcha un bono en forma de tarxeta de crédito, de maneira que teñan que pasala cada vez que veñen a polos alimentos e decidir se levan máis dunha cousa ou doutra».

Doazóns necesarias

Aínda que moitos dos produtos non perecedoiros que están dispoñibles no economato proveñen do banco de alimentos, non é o caso doutros, como os frescos ou o aceite: «Todos os meses mercamos ovos, queixo ou iogures. Tamén temos que mercar mil litros de leite ao mes, porque o que vén do banco non chega para as necesidades das familias e témolo limitado».

Neste sentido, Martínez agradece tamén os apoios económicos que recibe a organización, sen os que a súa actividade sería imposible: «Recibimos moito de doazóns anónimas, de supermercados que deciden colaborar e das campañas como as que facemos no Nadal en colexios. Tamén temos axudas dos concellos de Noia e Lousame».

Do mesmo xeito que co bono, a intención é ir implementando melloras con respecto á gama de produtos que ofrecen a principios do ano que vén, incorporando conxeladores que lles permitan ofrecer peixe ou minestras de verduras.

Outra das grandes eivas son os produtos de limpeza e hixiene: «A día de hoxe só podemos ofrecer cueiros para bebés, xel de ducha e papel hixiénico, e todo grazas ás doazóns». Martínez recalca que o banco de alimentos apenas dá artigos deste tipo, motivo polo cal queren comezar a ofrecer tamén a principios de ano pasta de dentes, lixivia e similares. «Tampouco nos chegan compresas, tampóns ou similares. Cando temos a sorte de que alguén doa esta clase de produtos, podemos repartilos, pero non é o máis habitual», conclúe Vicky Martínez sobre as dificultades que atopan para cubrir todas as necesidades.