O BNG e a ONG Sen Valos abordan na Pobra a inclusión social dos inmigrantes

L. Veiga REDACCIÓN / LA VOZ

BARBANZA

Cedida

A formación nacionalista comprométese a traballar para que a lei de estranxeiría sexa modificada

26 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O deputado no Congreso Néstor Rego e a parlamentaria no Hórreo Rosana Pérez abordaron onte na Pobra a situación dos inmigrantes, nun encontro no que estiveron presentes os membros da ONG Sen Valos Patxi Hurtado e Javier Fernández. A reunión tiña por obxecto traballar a prol da inclusión social destas persoas. A formación nacionalista comprométese a traballar no eido institucional para que a lei de estranxeiría sexa modificada e para garantir unha verdadeira cohesión social.

Á xuntanza tamén asistiu a concelleira de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, quen amosou o desexo de avaliar futuras liñas de colaboración coa ONG. Neste sentido, destacou a importancia de intercambiar datos: «É unha realidade que nos preocupa e sobre a que hai moita falla de información. Son persoas con nome e apelidos, non números».

Complexo sistema

O presidente de Sen Valos, Patxi Hurtado, trasladou as inquedanzas existentes, no marco do complexo sistema lexislativo e administrativo, nos procesos de regularización en na adquisición de dereitos por parte das persoas inmigrantes.

Pola súa banda, Néstor Rego comprometeuse a traballar a prol da recuperación de dereitos e para evitar a exclusión social. Afirmou que os «fluxos migratorios prodúcense de maneira forzada por razóns de índole económica, social, política e, mesmo, ambiental». Manifestou que deben facerse políticas que «favorezan un desenvolvemento social e económico que evite os fluxos migratorios».