Memoria das Heroínas de Sálvora

Xosé María Fernández Pazos

BARBANZA

María Fernández, Josefa Parada e Cipriana Oujo.
María Fernández, Josefa Parada e Cipriana Oujo. cedida

Hoxe cúmprense tres décadas do pasamento de María Fernández Oujo

14 oct 2021 . Actualizado a las 20:56 h.

Enfilamos o derradeiro trimestre deste ano no que lembramos os cen do naufraxio do vapor-correo Santa Isabel nos baixos da illa de Sálvora. Desgraciadamente, a situación sanitaria dos últimos dous anos non axudou a lembrar como se merecía esta traxedia que deixou tan fonda lembranza na nosa comarca, ata o punto de que naqueles anos 20 foi coñecido como o Titanic galego polos medios de comunicación de época. Heroísmo, xenerosidade e nobreza destacan naquel suceso lutuoso que durante décadas quedou no esquecemento, pero que hoxe lembramos con orgullo.

Este 15 de outubro cúmprense 30 anos do pasamento de María Fernández Oujo, máis coñecida como María de Sálvora, quen tiña 16 anos o día do naufraxio, a derradeira das heroínas en falecer, e que aquela noite do 2 de xaneiro de 1921, interveu temerariamente no rescate das mulleres, homes e nenos do Santa Isabel. Xunto a ela estaban Cipriana Oujo Maneiro (24) e Josefa Parada Crugeiras (32), que se botaron cara a praia da Area dos Bois, onde permanecían varadas as dornas dos colonos. Estas mulleres xunto a outros veciños, subiron as pequenas embarcacións e remarían en axuda dos náufragos.

Tres foron as dornas que saíron en auxilio. Amais da xa citada, noutra ían Francisco Oujo Lema, José Parada e Manuel Caneda Crujeiras, que auxiliarían o bote número 8 do vapor-correo axudados polas mulleres no remolque ata terra. Rescatarían amais a outras oito persoas que estaban na auga. Unha terceira dorna levaba a José Oujo Lema e a Cipriana Crujeiras Reiris (48), que prestarían tamén axuda. Mentres outra dorna ía cara a Ribeira a avisar do suceso. Desde terra prestarían auxilio os poucos veciños que permanecían aquela noite en Sálvora, xa que o resto dos habitantes da aldea estaban en terra pasando fin de ano, e o tempo revolto impedira que regresasen a illa.

Pazos

O vapor embarrancou nos baixos da Pegar, fronte ao faro, e todo apunta a que a causa foi a serrasón que non permitiu tomar posición exacta ao vapor con respecto ós faros, ata o punto de que pensaron que embarcaran en Ons. O acontecido aquela noite marcaría a vida dos seus habitantes e sobre todo das mulleres. A ampla investigación realizada pola autoridade de mariña e pola prensa da época, salientou o labor desenvolvido no auxilio das vítimas. As tres heroínas recibirían recoñecementos e incluso en Vigo se lle faría unha multitudinario homenaxe na que participou toda a cidade olívica.

Recoñecementos e lendas

Un ano despois do naufraxio, en 1922, o Congreso dos Deputados propuxo a concesión de condecoracións ás mulleres, homes e xente de Ribeira que se esforzaron na axuda e acollida das vítimas, ata o punto de que a prensa da época pediu a concesión do título de «Moi Nobre, Leal e Humanitaria Cidade», aínda que non se chegou a facer. As condecoracións e recompensas serían entregadas o 8 de xaneiro de 1924 polo secretario municipal ribeirense.

As historias levantarían, co paso do tempo, unha falsa lenda sobre a súa intervención, afirmándose incluso que se dedicaran a quitarlle aos cadáveres o que levaban de valor, para o cal non dubidaron en mutilalos dedos das vítimas. Pero a historia dos raqueiros ou praieiros, que provocaban os naufraxios e esperaban que a carga do barco chegase a terra, non teñen cabida neste suceso. Polo menos así o testemuña o capitán, o segundo oficial e o resto dos que se salvaron.

Pazos

Estes comentarios desmentidos nos documentos oficias -existe un no que aparece o recuperado dos corpos-, na investigación da prensa e nas declaracións dos superviventes, causaron un gran malestar nas mulleres e nos paisanos da aldea. Serían a Garda Civil e, principalmente, os carabineiros, os que se encargarían de facer esa operación. Curiosamente, os veciños pensaron que os axentes se quedaron co que collían dos cadáveres. Sen embargo, o expediente existente no arquivo da causa, amosa como o rescatado foi entregado ás familias das vítimas, desmentindo deste xeito o roubo duns e doutros. Elas participarían anos despois no rescate doutros dous barcos que embarrancarían tamén na illa.

A falsa lenda correu un tupido velo polo papel que xogaron os veciños, e eles laiábanse dos comentarios que se fixeron sobre o seu labor no rescate. Tal vez por iso esqueceuse a historia ata que logramos recuperar aquela traxedia, hoxe presente no pasado da comarca. María, da que lembramos hoxe o seu trinta pasamento, casou na década dos 20 con Fidel Sampedro Crujeiras, mariñeiro co que se trasladaría a Aguiño e con quen tería tres fillos: María, Dionisio e Manuela, a única que aínda vive.

Sirva este artigo para lembrar o papel das heroínas e heroes de Sálvora e do vapor-correo Santa Isabel e das súas 213 vítimas.