Alberto Millán e Xosé Piñeiro: «Ante todo somos músicos. A música é a parte orixinaria e fundamental»

ENCARNA PEGO

BARBANZA

abraldes

Barbantia | Fan bailar monicreques ao ritmo dos temas tradicionais que interpretanAlberto Millán e Xosé Piñeiro Os Monifates do Barbanza

23 oct 2021 . Actualizado a las 18:04 h.

Os nosos convidados hoxe son Os Monifates, dúo plural formado por Alberto Millán e Xosé Piñeiro, músicos ante todo, que forman este grupo xunto coa súa troupe de marionetas danzantes. Únicos desta especialidade, agás un dúo belga similar, no seu espectáculo, ademais da gaita (tradicional, tumbal do século XIX, de dobre punteiro...), o pínfano e a zanfona, tocan diversos instrumentos de percusión, como o tambor, culleres, castañolas de peito, táboa de lavar... Por iso, o espectáculo deixa de ser estritamente infantil para se converter en atracción social, aclamada entusiasmadamente por crianzas e familiares.

Cando xurdiron os Monifates?

-O noso coñecemento empezou como músicos e artesáns e, pasado o tempo, decidimos facer algo xuntos, algo orixinal, sempre sobre unha base musical, pero non un dúo ao uso. Queriamos un dúo gaita-zanfona rítmica, logo engadímoslle o bombo, e máis tarde chegaron as marionetas. Cada un achegaba o que sabía. Descubrimos un debuxo antigo dun gaiteiro que facía bailar unha marioneta. E decidimos tirar por aí. En 2013 comezamos a pensar en facer a dúo algo orixinal coa música como referente pero máis atractivo e diferente. E, logo de dous anos de posta en escena e moito traballo, por fin fixemos a estrea en 2015, inda que este siga a ser un proxecto aberto e perfeccionable.

- Cantas marionetas tendes?

- Empezamos cun bailarín só, e despois xa foi unha parella, logo un cuarteto, e a familia segue a crecer.. De momento dispomos de 11 monicreques. Deseñar e facer o esqueleto en madeira e o mecanismo é abondo complicado. E logo está o axeitado manexo, os movementos, o baile. Cada monicaco ten o seu nome, o seu lugar de procedencia, as súas características e a súa propia historia. Tamén está o vestiario, sempre adecuado ao personaxe, segundo a nosa tradición, e logo os pacientes e iterativos ensaios. Os dous colaboramos na selección de pezas e de instrumentos para cada monicreque que actúa, así coma no repertorio. Xusto agora estamos argallando un monifate especial: un trasno, moi propio da nosa tradición galega, que seguro nos vai dar moito xogo. Levamos todo o equipo nun carromato deseñado e feito por nós que, á vez que práctico, ten o poder de somerxernos nun mundo ideal, de conto de fadas, propio da infancia, pero non só, pois todos levamos un meniño dentro.

- Ademais dos monicreques, que tendes de orixinal?

-Recollemos cancións propias da nosa zona pois, inda que xa está todo bastante buscado, segue a haber pezas susceptibles de ser arranxadas por nós e seren interpretadas. Tamén tocamos gaita antiga, do século XIX, gaita de dous punteiros, frauta de tres buratos… que amplifica a actuación e crea un ambiente envolvente que engancha. E utilizamos varios instrumentos á vez. Así, a zanfona soa na rúa, cando antes só se escoitaba nun escenario: isto levounos a termos que adaptalas para que se oian xuntas, en acústico, sen amplificación. Algo que está a ser moi aplaudido por todos os públicos.

- De onde procede esta tradición?

-Hai constancia da existencia de monifates danzantes en gravados a partir do século XII por toda Europa. Foron moi coñecidos, en diferentes variantes, e chegaron a nós da man dos xograres franceses e dos españois, especialmente a través do Camiño de Santiago. Foron incorporándose a toda España e mais Portugal e, xunto coas marionetas de guante, ou «cachiporra» (a última: o Barriga Verde), eran as máis utilizadas por xograres e músicos ambulantes. Extinguíronse na segunda metade do XIX, se ben queda algo no norte de Italia. Entre nós, consérvase algunha no Museo Galego da Marioneta de Lalín, agora pechado. Hai que dicir que levamos moitas horas de traballo soterrado de campo, pois hai varios tipos de músicos ambulantes, pero había que adaptalos á nosa tradición musical. Tamén se coñecen moitos «monicreques de táboa», pero non son coma estes. Os nosos van unidos con ganchos ao xeonllo, e poden levantar os brazos para bailar. Así seméllanse máis aos nosos bailes. Lecer e autenticidade histórica.

-Que aspecto predomina nas vosas actuacións: o representativo, o musical, o emocional...?

-Ante todo somos músicos. A música é a parte orixinaria e fundamental. Pero, cada vez é máis un espectáculo visual, unha obra de teatro con escena, argumento, acción e personaxes: un carromato, un peregrino, dous músicos ambulantes, o Galo Farruco (de Vila de Cruces), o Porco Antón (de Espasante), Xaquín e Maruxa (con zocos de Mondoñedo), Saturno e Leonor, Os Barbanzóns. Do universal ao noso: lingua, costumes, folclore... e de nós ao mundo. Porén, inda temos moitas máis ideas que desenvolver para ir completando este entretido e entrañable espectáculo. Queremos que se vexa coma unha pequena obra total, e que o pasado sobreviva.

Dous artistas a pé de rúa

Alberto Millán, de Ribeira, fixo os seus estudos primarios e medios nesta cidade, e aos dez anos ingresou na escola de gaitas e música tradicional de Ribeira, dirixida por Pepe Romero, con quen se fixo gaiteiro e tocou durante moitos anos na afamada Banda Ancoradoiro, de grato recordo.

Ademais da música tradicional, continuou con outras ramas musicais, como a guitarra e o baixo eléctrico na Escola Estudo de Santiago. Realizou diversos cursos específicos do seu interese para, finalmente, acudir logo ao Conservatorio Profesional de Música de Ribeira onde se especializou en frauta traveseira. Formou parte de varios grupos musicais, como a Compañía do Ruído ou os Chiquilicuatres, entre outros, e dá clases de música.

Artesán

José Piñeiro naceu en Nebra e vive actualmente en Xuño. Desde pequeno tivo contacto coa artesanía, xa que seu pai era carpinteiro torneiro. Estudou gaita tamén con Pepe Romero, formou parte moito tempo da Banda de Gaitas Suevia, de Porto do Son, e seguiu logo a súa formación na Central Folque en Lalín, no manexo da zanfona. Logo, en Ávila, faría un curso de construción de zanfonas. Segue a súa formación musical, en percusión amais de instrumental.

Xa na súa estadía na Escola de Gaitas iniciouse na construción das distintas pezas do instrumento e, co tempo, este quefacer absorbeuno tanto que chegou, na actualidade, a ser a súa profesión principal: artesán de gaitas e zanfonas.

Espectáculo familiar

Os dous se sentiron atraídos e atrapados pola idea de ser músicos, e logo músicos ambulantes e quixeron facer rexurdir esta marabillosa idea dos monifates danzantes. Fan música e actúan a pé de rúa para grupos de meniños, case sempre acompañados de familia e amizades. Un espectáculo familiar e diferente que, á fin, converte os pais e, ante todo, os avós en nenos. Tamén realizan concertos didácticos en colexios.

Unha posta en escena diferente, preferentemente en Galicia, que non deixa a ninguén indiferente, e que xa leva acadado diversos premios, coma o do Festival Internacional de Marionetas de Redondela, o Titirimundi de Noia, o Festival Internacional de Zanfona de Rianxo, ou o Interritmos, da Asociación de Desenvolvemento Local Deloa, que premia a recollida de pezas locais.