«Todos os nosos produtos están feitos con moito amor»

laura ríos / a. l. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

As emprendedoras Anabel Pérez e Maruxa Figueiras venden a través de Instagram pezas de decoración e bixutería
As emprendedoras Anabel Pérez e Maruxa Figueiras venden a través de Instagram pezas de decoración e bixutería DAVID COSTAS

Internet é o gran escaparate que Maruxa Figueiras e Anabel Pérez elixiron para poñer en marcha o seu negocio de venda de artigos de decoración e bixutería

22 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Como saída a un mercado laboral atrancado e a unha pandemia que parece non ter fin, as ribeirenses Maruxa Figueiras e Anabel Pérez decidiron apostar por un innovador negocio baseado nunha tenda en liña que decidiron bautizar como Maana, unha denominación que combina o comezo dos seus nomes. «A nosa marca está formada por dous polos opostos: decoración e bixutería, polo que abarcamos todo tipo de pezas: as que están de moda, as que se saen do normal, as de toda a vida combinadas con un toque moderno», destacan as novas empresarias. O que teñen claro é que son obxectos para todos os públicos e que se adaptan ás necesidades dos clientes. «Podemos dicir que todos os nosos produtos están feitos con moito amor, mimo e sobre todo coidando ata o mínimo detalle».

Unha das características deste negocio é que non ten tenda física, senón que utiliza as redes sociais para chegar aos clientes. «Instagram é unha plataforma na que de maneira gratuíta podes chegar a moita xente. É un escaparate moi grande onde poder ensinar os nosos produtos. A xente pode preguntarnos polas pezas dunha maneira rápida e sinxela, sen saír de casa. Podemos chegar a moitos máis clientes con só un clic».

As pezas que os compradores poden atopar na súa conta proceden de provedores que foron rebuscando en distintos lugares do mundo para conseguir obxectos diferentes. «No caso da cerámica, temos un taller artesanal situado no sur de Portugal que é o encargado de subministrarnos as pezas, que son únicas e moitas veces de edición limitada, polo que pode ser que de algunha colección teñamos dez unidades e de outras 200. No caso da bixutería (pendentes e colares) contamos con outro taller situado en Madrid», puntualizan as emprendedoras.

Pero en Maana tamén hai espazo para as creacións propias de Maruxa e Anabel, que elaboran desde colares, a colga móbiles ou cordóns para enganchar as máscaras e que son personalizados ao gusto dos clientes.

Horario continuo

Ter Internet como oficina ten moitas vantaxes, entre elas que non hai horarios. «Traballamos de luns a domingo, xa sexa para preparar pedidos, publicidade en redes, contestar correos electrónicos, facer e enviar pedidos, falar con provedores… É complicado dicir o número de horas que lle dedicamos ao día, xa que todo depende do nivel de traballo. Hai veces que temos estado ata as tres da mañá».

A ilusión de poñer en marcha este negocio pode máis que esas maratonianas xornadas laborais, e as ribeirenses non se marcan límites. Aínda que a todo o mundo lle gustaría fundar un grupo como Inditex, «queda un longo camiño que percorrer. Non queremos ser ambiciosas e por agora conformámonos con gustarlle á xente, que lles gusten os nosos produtos, e pouco a pouco nos vaian coñecendo. Ata o de agora estamos vendendo en toda España, desde Canarias a Barcelona ou Madrid, pero non descartamos enviar a outros países».

As dúas emprendedoras recoñecen que o boca a boca foi moi importante nos comezos «porque a xente do pobo foron os nosos primeiros clientes. Grazas a eles puidemos comprobar que os nosos produtos gustan». Ademais, a fortuna tamén petou na súa porta, e entre estes seguidores, unha influencer contactou con nós. «Esta estaba buscando unha vaixela moi específica para a súa casa, e nós tíñamos o que ela estaba buscando. Esta chica o compartiu nas redes e isto tamén fixo que moita xente se interesara nos nosos produtos», explican.