As cousas de Eva

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Obituario | A rianxeira Eva Tubío faleceu onte aos 43 anos despois dunha longa enfermidade

28 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Eva gustáballe ir ao Toskana tomar un viño despois do traballo. Ou con Simón un domingo calquera mentres a secadora da lavandería facía o seu traballo. A Eva gustáballe ler, a todas horas, en calquera sitio, na casa ou no campo de golf mentres agardaba por Daniel. A Eva gustáballe a familia, a propia, a que vén dada ao nacer, e a que foi construíndo ao longo dos seus 43 anos; pasar o tempo coas súas amigas. Esas pequenas cousas, cotiás, ás que a miúdo non se lle dá a importancia que merecen, para ela eran o importante. E sobre todo, a Eva gustáballe rir, facíao a gargalladas, coa boca, cos ollos, con todo o corpo. E esas risadas contaxiosas quedarán para sempre no recordo de todos os que a queren.

Non deixaba que alguén entrara tan facilmente no seu círculo máis íntimo, pero era transparente. De portas para fóra parecía unha muller alegre, sempre sorrindo, pero con moito carácter, forte e botada para diante. E os que estaban de portas para dentro confirman que así era: divertida, familiar, moi próxima e disfrutona, gozaba cos pequenos praceres dunha vida que se foi das mans demasiado rápido.

Era, ademais, «coma un cañoto», dura e peleona. Nos últimos días seguramente tivo poucas forzas para rir. Dedicounas todas a loitar, a facer un esforzo máis para seguir adiante, para aguantar, para aferrarse á man de Simón. Non puido. Pero queda o eco das súas risadas para alegrarlle o futuro á súa familia.