O BNG insta á Xunta a cooperar para garantir a continuidade da planta de tratamento de Lousame

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Cedida

Luis Bará, Rosana Pérez e Iria Carreira deron a coñecer o contido dunha proposición non de lei presentada para colaborar coa Mancomunidade Serra do Barbanza

28 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O BNG considera que a Xunta debe cooperar con modelos de tratamento de lixo distintos a Sogama e, por iso, os deputados Luis Bará, Rosana Pérez e Iria Carreira deron a coñecer onte o contido dunha proposición non de lei presentada para que a Xunta colabore coa Mancomunidade Serra do Barbanza co fin de «garantir a continuidade, viabilidade e mellora do sistema de recollida e tratamento da planta de residuos de Lousame».

Ao mesmo tempo, os representantes parlamentarios do BNG consideran que a Administración autonómica tamén debe colaborar economicamente na dotación dos medios materiais necesarios para a modernización e mellora das instalacións de Servia.

Outro dos aspectos nos que inciden os nacionalistas é en que a Xunta debe «desistir da campaña de ataque ao sistema de Lousame e da idea de transformar a planta de tratamento de residuos nunha de transferencia integrada de Sogama».

O BNG considera que o desmantelamento do sistema de Lousame tería graves consecuencias desde o punto de vista ambiental e laboral.