Olladas ao próximo

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

01 jul 2021 . Actualizado a las 20:09 h.

Vaia por diante que eu son dos que penso que, cando menos nunha parte das vacacións, hai que marchar da casa, se se pode claro está. Non ver as mesmas caras de sempre, as mesmas paisaxes, ir aos mesmos lugares, por moito que nos sintamos cómodos e nos gusten. As vacacións non son tanto físicas -o cansazo físico, por sorte, recupérase pronto-, senón mentais. É un período de tempo que ten que ver con saber que o noso mundo non está feito só de rutinas, e sentir unha certa sensación de liberdade e de descuberta, de reprogramarse e ver paisaxes distintas e escoitar outras linguas.

Este verán vai ser un nin arre nin xo. Saímos da pandemia, pero aínda non podemos volver á vida normal que tanto ansiamos. Moita xente non irá ao estranxeiro por medo a prender en problemas burocráticos como nas silveiras, ou a ficar en corentena nun hotel, contemplando a piscina desde o balcón coma se fora un monumento.

Pero, aínda así, hai cousas boas. Había anos que non descubría tantas historias interesantes no meu contorno máis cercano. A supervivencia mental obrigoume a deitar os ollos sobre o marabilloso do próximo que non vemos malia térmolo diante.