29 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tralo letargo pandémico, no que o sector da construción -como moitos outros- foi traballando a ralentí, cómpre mirar adiante e afrontar os novos retos, coas dúbidas que todos temos en todos os eidos. A incerteza está presente en toda a sociedade, e esta especialidade non é diferente.

Afrontamos unha nova etapa con luces e sombras, con oportunidades, ameazas e debilidades, coa fortaleza amosada sempre tralas crises. Esta é distinta das anteriores: a Unión Europea considera a rehabilitación como un sector estratéxico para frear o cambio climático e para a creación de emprego, regando cunha chuvia de millóns as obras tendentes a mellorar a eficiencia enerxética do noso parque construído, con subvencións que chegan ao cen por cen, en moitos casos.

Con esta perspectiva, parece que se vai cubrir unha boa parte do desemprego enriba dos andeis, pero non todo é ouro o que reloce. A pandemia foi aproveitada por sectores estratéxicos para incrementar o prezo das materias primas, de xeito desproporcionado: o cobre custa hoxe en día máis do dobre de cando comezou o período pandémico -e nas casas hai moito cobre-, o aluminio subiu un 56 %, e o aceiro un 78 %. A tolemia dos prezos as tensións na dispoñibilidade dos materiais, fai que moitos presupostos suban durante o transcurso das obras comezadas, parando novas obras ata chegar ao axuste necesario.

Moito menos grave é o incremento do prezo do vidro, da madeira e do cemento, pero contrarrestase coa incuestionable subida da electricidade e do petróleo, que repercuten no uso das máquinas e no transporte dos materiais.