Barbantia presenta a Andy da Fonte como o futuro da poesía de Barbanza e de Galicia

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

marcos creo

A moza namorou ao público cos xogos de palabras e a forza dos seus versos

27 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Barbanza non só é, historicamente, terra de escritores, senón que hai unha fornada de novas promesas que veñen pisando forte. Un bo exemplo é Andrea Sanjurjo, bautizada a si mesma como Andy da Fonte. A moza pobrense así o demostrou a noite do venres, coa posta de longo do seu primeiro poemario, Memorias dunha estrela sen luz, un acto no que namorou ao público, tanto polos xogos de palabras que emprega para darlle forma aos seus poemas como pola forza dos seus versos.

Recalou no teatro Elma da man de Barbantia que, como ben lembrou o seu presidente, Manuel Cartea, vén de sacar á luz o número 166 do seu suplemento cultural, A voz de Barbantia, unha publicación que lle insufla alento ao eido cultural da comarca desde hai xa 17 anos. O máximo responsable da entidade citou a Gabriel Celaya para referirse ao camiño emprendido pola pobrense: «A poesía é unha arma cargada de futuro». Tamén falou dos versos como encontro entre o lector e o libro ou, concretando, entre a poetisa e os seus veciños da Pobra, para rematar cunha reflexión de Benedetti: «A poesía é a alma do mundo».

Tamén lle dedicou loas á escritora o profesor e expresidente de Barbantia Xesús Laíño, lembrando a súa participación, como colaboradora, na sección En obras de A voz de Barbantia. El referiuse á «potencia narrativa da obra presentada, que fai un xogo de contrastes entre a luz e a escuridade», ao tempo que gabou os versos da autora e os seus xogos poéticos.

Andy da Fonte aproveitou o seu momento para debullar o poemario co que vén de estrearse como escritora, dicindo que se trata dun conxunto de «poemas estilisticamente heteroxéneos, pero cunha certa unidade narrativa». Explicou que o libro recolle versos que escribiu desde que tiña 12 anos ata a actualidade, engadindo que forman parte dunha conversa coa súa avoa, á que lle dedica estas Memorias dunha estrela sen luz.

Dous bloques, diversos temas

O volume está estruturado en dous bloques temáticos, Angustia e Loita, e xira ao redor de cuestións como a importancia da auga como metáfora; a luz fronte a escuridade, que son personaxes simbólicos; a conciencia da existencia; a luz como prisión; a escuridade dos soños... É, segundo puideron concluír os presentes, un canto á paz, á liberdade e á realidade máis sincera.

Como non podía ser de outro xeito, Andy da Fonte aproveitou o acto para agasallar aos membros da mesa, entre os que se atopaba a concelleira de Cultura da Pobra, Patricia Lojo, e ao público que completou o aforo do Elma cunha declamación de varios poemas do seu libro. Foi unha recitación con forza e convencemento, que confirmou o futuro prometedor da poetisa.

Sabela King e Benjamín Vázquez, integrantes de Mallou, completaron o acto interpretando varios temas, entre eles, unha versión da Rianxeira para o broche.

A vindeira cita de Barbantia está fixada para o venres no auditorio do Museo Valle-Inclán, ás 20.30. Presentarase A mensaxe entre as sombras. Obra poética de Isaac Díaz Pardo, unha edición realizada por Esperanza Mariño Davila.