«Todos os contaxios en alumnos viñan de fóra, está clarísimo»

Ana Lorenzo Fernández
ana lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Francisco Lires destaca a actuación exemplar dos estudantes, que souberon adaptarse á nova realidade derivada da pandemia

27 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia puxo patas arriba o mundo e obrigou a mudar todo o que antes era normal. O ano pasado, os centros educativos tiveron que pechar as súas portas durante o confinamento, e neste curso que acaba de rematar víronse obrigados a acatar novos protocolos e actuacións moitas veces de forma precipitada e con moi pouca información. A pesar de todo, Francisco Lires (A Serra de Outes, 1973) cre que o balance final pode considerarse satisfactorio. Sen embargo, o director do CEIP Felipe de Castro de Noia e presidente da Fegadicep (Federación Galega de Directivos de Centros de Ensino Público) opina que aínda queda moito traballo por facer e que é precisa a colaboración de todos os membros da comunidade escolar para logralo.

-Como definiría este curso tan atípico que acaba de rematar?

-Eu penso que foi o curso máis difícil da historia, tanto para as familias como para os alumnos, para o profesorado, para os equipos directivos e tamén para as propias Administracións. Creo que todo isto véusenos moi grande a todos, pero tamén hai cousas positivas que finalmente saíron ben. Puidemos manter os colexios abertos e tivemos educación presencial durante todo o curso, porque alá a principios do mes de setembro tiñamos moitas dúbidas de poder facelo.

-Aínda que moitas medidas se fixeron de forma precipitada e sen moita información, como valora o resultado?

-Foi un balance relativamente bo no que se refire ao tema sanitario nos centros formativos. De todos os xeitos, os colexios eramos un reflexo do que estaba pasando na sociedade, si había moitos casos nun concello, nos centros tamén se rexistraban, aínda que non en tanta proporción. Está claro que cos protocolos, que se lle deron mil voltas, nas instalacións docentes traballamos arreo para adaptalos ás circunstancias de cada edificio, pero o certo é que funcionaron e demostrouse que os colexios son lugares seguros, pero non están libres de que haxa contaxios, porque somos un fiel reflexo do que sucede fóra das aulas.

-Pero realmente se confirmou que a gran maioría dos contaxios en nenos se produciron no entorno familiar e non no escolar.

-Está claro que nos centros non había transmisión comunitaria porque era practicamente imposible: gardábase a distancia de seguridade, o nenos estaban separados en grupos burbulla, levaban máscara, e durante o tempo que estaban no colexio as medidas eran moi estritas. Todos os contaxios en alumnos viñan de fóra, está clarísimo.

-Os nenos souberon dar unha lección neste ano de covid.

-Sempre falamos que para os maiores foi un curso académico difícil, moi agotador, pero para os nenos resultou exactamente igual, porque estaban acostumados a outro tipo de traballo máis comunicativo, non tan individual, a ter máis relación cos compañeiros e cos profesores. A verdade é que deron un exemplo de comportamento e de saber estar e nos teríamos que ver reflectidos os adultos nesa forma de actuar que tivo o alumnado. En ningún momento, salvo raras excepcións, había que recordarlles o da máscara ou outras medidas, a verdade é que foron un exemplo.

-Pensa que estes dous anos de pandemia poden pasarlle factura aos nenos a nivel educativo ou emocional?

-A nivel emocional foi un cambio moi grande, pero iso tamén se traballa nos centros, como un tema transversal como é a saúde. Eles tamén se daban conta e sabían o que había, non era algo alleo ao que estaban vivindo. Tamén nas súas familias puido haber contaxiados, coñeceron o que era e se concienciaron sobre iso. Esperemos que isto sexa o inicio da nova normalidade e eles poidan volver canto antes a realidade de antes, a interaccionar máis cos compañeiros, a non ser tan individualistas. Todos queremos que sexa canto antes, pero aínda non o vexo tan claro.

«Habería que manter os desdobres e que as aulas non pasaran de vinte rapaces, iso sería o ideal»

O próximo curso tamén haberá que seguir aplicando distintos protocolos para conseguir minimizar os contaxios nos centros educativos, unhas medidas que aínda non están moi claras.

-Que se sabe das novas normas?

-Aquí a nivel autonómico aínda estamos esperando a que saia o novo protocolo. O que temos en mans é o borrador do Ministerio de Educación e as medidas van encamiñadas na mesma dirección que o ano pasado: grupos burbulla, distancia, máscaras en interior e logo o tema de entradas de familias e accesos ao centro escalonados. O que máis nos preocupa a nivel de equipos directivos dos centros son as ratios de alumnado, porque demostrouse este ano que cos desdobres funcionou moi ben. Penso que iso non tería que ser algo pandémico, senón a ter en conta na nova lei que se acaba de publicar. Por riba de 25 nenos por clase é inasumible, e xa con 25 é moi complicado, sobre todo nesta situación no que tes que ter distancia, máscara e traballo individual.

-Para os alumnos con necesidades educativas especiais aínda é máis complicado.

-Si, pero non só con eles, senón con todos os alumnos máis vulnerables, porque son os máis prexudicados e non queremos que ocorra nos centros, porque sobre todo nos colexios públicos impulsamos a equidade. Temos alumnado de todo tipo e tentamos chegar a todos eles. É certo que cunha ratio de 25 alumnos non se pode atender as individualidades de cada un como quereriamos, pero tamén é verdade que cos desdobres que houbo este curso se puido atender aos nenos de forma individual. Sempre hai opción de que os colexios poidan optar aos programas Arco ou Proa para solicitar un profesor a maiores. Pero son cousas moi individuais e hai que cumprir uns requisitos. Penso que para este tipo de alumnado habería que manter os desdobres e que as aulas non pasaran de vinte rapaces, sería o ideal.