O Museo do Gravado difunde o Camiño

BARBANZA

Recolle a visión sobre as peregrinacións de Manuel Facal, Lombardía e Mariano de Souza

19 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde as súas tres salas de exposicións, o Museo do Gravado de Artes súmase á divulgación do Camiño neste Ano Santo cunha colección que agrupa a visión de tres grandes artistas contemporáneos sobre as peregrinacións e o feito xacobeo en xeral. Trátase de Manuel Facal, Miguel Ángel Lombardía e Mariano de Souza. A inauguración tivo lugar onte, no transcurso dun acto que serviu para reivindicar a importancia deste centro museístico situado no medio rural e tamén para divulgar A Orixe, o percorrido co que Barbanza Arousa se suma ao tirón dos camiños a Santiago.

«Non podía faltar o gravado nesta ruta das estrelas que é o Camiño». Con estas palabras argumentaba o director do museo, Pastor Rodríguez, a montaxe desta exposición, que permanecerá a disposición do público ata o 18 de agosto. Sinalaba que, como ocorre con outras artes como a arquitectura, a literatura ou a escultura, tamén a través do gravado se contribuíu ao longo da historia á difusión do Xacobeo e, polo tanto, da cultura de Galicia.

Ata Ribeira desprazouse o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que agradeceu o xesto do museo de sumarse á difusión do Camiño, recoñecendo que a peregrinación xa é un fenómeno popular que atrae a milleiros de visitantes a Galicia. Aproveitou para ratificar o compromiso da Xunta coa sala, que a curto prazo se materializará cunha partida para o impulso da escola de gravado.

Anxo Lorenzo fíxolle entrega a Ramiro Carregal, socio de honra, dun exemplar do libro de autor que Manuel Ayaso elaborou inspirándose na obra de Kafka.

Na inauguración da mostra tomou a palabra o impulsor do museo, Javier Expósito, que quixo tamén reivindicar a relevancia do Camiño: «Representa o fervor e tamén a importancia da cultura». Nos mesmos termos se expresou o presidente da fundación que xestiona a sala e alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, que se referiu ao intenso traballo que se está facendo para a divulgación da Orixe, sinalando que hai un proxecto para xestionar a posta en marcha de albergues.