Santiago Freire: «Avanzouse na eliminación de vertidos»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez NOIA

BARBANZA

MARCOS CREO

O alcalde destaca os investimentos materializados nestes dous anos

06 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Resulta difícil resumir nunhas poucas liñas a xestión levada a cabo por Santiago Freire e o seu goberno nos dous últimos anos, pero o rexedor resalta os investimentos en saneamento e infraestruturas.

-Que logros destacaría destes dous primeiros anos de mandato?

-Fixéronse inversións e obras destacadas, nas que houbo unha aposta clara no relativo aos centros educativos. No instituto Campo de San Alberto estase levando a cabo unha rehabilitación integral cun investimento de máis de un millón de euros, que se suma aos 1,5 millóns que se executaron nos últimos anos no colexio Felipe de Castro e outras melloras realizadas no cento da Barquiña e no Virxe do Mar. Tamén está en marcha a remodelación da fachada marítima, unha actuación que incide no aumento da seguridade viaria, e destacaría tamén a mellora do saneamento. Avanzouse na eliminación de vertidos, de xeito que dos máis de 60 puntos negros identificados por Augas de Galicia quedan pendentes de resolver vinte e pico. E contamos cun plan director que presentaremos proximamente e que establece a folla de ruta a seguir no saneamento. A xestión económica tamén é boa, reduciuse a débeda a provedores, e conseguimos que o GES volvese estar operativo.

-E cales son as prioridades para a segunda metade do mandato?

-Nas vindeiras semanas vaise iniciar a remodelación da praza de abastos, e o Concello vai facer un esforzo importante na adquisición e posta a disposición dos terreos para o novo centro de saúde. O investimento principal, que rolda os cinco millóns de euros, será da Xunta e non vai ser posible ver o edificio rematado neste mandato, pero estanse dando pasos para conseguilo.

-O que se está empantanando é a aprobación do PXOM.

-Aínda vai tardar uns meses en solucionarse. O problema estaba na legalización da captación de auga de Alvariza, presentamos o proxecto e estamos pendentes do informe de Augas de Galicia.