Chus Iglesias, presidenta de la Escudería Ría de Arousa: «Hai ganas de que o rali veña a Ribeira»

S. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Debutará este ano como organizadora da cita de Santa Uxía, que será en novembro

31 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Chus Iglesias Fernández (Noia, 1985) recoñece que o esforzo de todo un ano de traballo escapase nun só fin de semana de rali. Pero así é a vida dos amantes do automobilismo, e a ela ese mundo pegoulle moi forte. Agora tócalle a tarefa de dar vida ao Rali de Ribeira-Ría de Arousa. Cousa nada sinxela. Se xa é difícil poñer en marcha un que vén de atrás, facelo dende cero semella aínda máis complicado. Pero ela vai con todo.

-Como naceu o Rali de Ribeira-Ría de Arousa?

-Xa se levaba uns anos atrás estudando a posibilidade de facer unha proba en Ribeira, incluso se tratara de organizar uns tramos. Desta volta o Concello ofreceuse a botar unha man cunha colaboración bastante grande. E dixemos, pois para adiante.

-E como acabou de presidenta?

-Estiven antes en outra escudaría e sabían que podía facer as xestións que se precisan para organizar a proba. Ofrecéronmo e acepteino sen problema.

-Chegarán a tempo?

-Temos tempo suficiente. A directiva está pechada e agora estamos abertos a que a xente que nos queira vir botar un man o faga. Houbo moitas persoas que nada máis saber que se quería facer unha carreira automobilística xa se puxo en contacto con nós. Queren axudar no que sexa. Moita xente de Ribeira, e sen coñecernos, o cal agradecemos.

-Os voluntarios son claves nunha proba desta índole.

-Fará falla moita xente que bote unha man, si.

-É un rali para unha vez ou queren mantelo no tempo?

-Un rali cando nace é para seguir no tempo. Nada de morrer cando pase un ano ou dous. Farase ata que se poida, claro.

-Como empezou vostede nisto do automobilismo?

-Fai moitos anos, vendo ralis na cuneta, coma todo o mundo [ri]. Íamos unha amiga máis eu e un día falamos de que estaría ben poder axudar a facer un. E ela díxome que o seu tío estaba nunha escudaría. Empezamos con eles.

-Non lle deu por pilotar?

-No, no, por pilotar non [ri]. Fixen coa miña parella un rali de regularidade, pero de piloto non.

-Será a primeira edición do Ría de Arousa, canto público espera?

-É unha proba do campionato galego de ralis e moven moitísima xente. Ademais é novo e a xente sempre quere ver como sae a primeira edición.

-O trazado como o levan, teñen algo adiantado?

-Non, de momento nada. Estamos pendentes de falar cos concellos da zona para ver como facelo e estudar a proposta final e o formato.

-Teñen previsto que non sexa por Ribeira entón?

-Si, si, queremos que pase por varios concellos, que chegue a todo o Barbanza, aínda que evidentemente estará centralizado en Ribeira. Agora estamos con ese paso, hai algún treito mirado, pero temos que falar con todos os municipios. A ver se podemos contar coa súa colaboración e que nos deixen usar as súas estradas.

-Algo co que sempre hai que loitar son os veciños aos que lles pasa un tramo por diante.

-Ao final, dialogando acabase entendendo. Estamos mirando de non molestar moito aos veciños, intentaremos non pechar moitos núcleos coa carreira.

-Como ve o nivel do campionato galego desta edición?

-Penso que é o mellor campionato dende hai anos, xa só mirando a lista de inscritos da proba da Coruña.

-Logo do covid había ganas de competir.

-A xente ten ganiñas. Houbo moita que estivo preparando os coches e que quedaron ás portas de participar o ano pasado. Cando ía comezar o galego houbo que cancelar todo.

-Hai que aproveitalo, entón.

-Si, si, a xente nótase que está con ganas de probas. No noso caso hai expectación, hai ganas de que o rali veña a Ribeira.

-Cal é o plan coa escudaría de cara ao futuro?

-Queremos ir sumando xente. Xa nos preguntaron para colaborar con nós, e estamos abertos a que calquera o faga.

-Merece a pena todo o esforzo?

-Merece. Cando ves as caras dos pilotos, copilotos e afeccionados sabes que pagou a pena.