José Manuel Vilas: «Hai que dinamizar a economía»

A.G. RIBEIRA

BARBANZA

Xosé Vilas, PSOE
Xosé Vilas, PSOE CARMELA QUEIJEIRO

Para o voceiro do PSOE, o cuarto xulgado para Ribeira é un obxectivo esencial

30 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cunha larga traxectoria no PSOE, do que é secretario xeral en Ribeira dende o 2010, José Manuel Vilas Álvarez afronta o seu segundo mandato como concelleiro.

-Que faría o PSOE se estivera á fronte do goberno municipal?

-Uno dos eixos de actuación sería explotar o potencial turístico que ten o municipio, favorecendo o desenvolvemento de empresas e autónomos. Tamén axilizaríamos a construción do polígono, porque é moi importante favorecer a implantación de industrias. Outro aspecto que consideramos esencial e que propuxemos, aínda que nada se fixo ao respecto, é a rehabilitación de espazos urbanos e vivendas antigas. Hai que dinamizar a economía para evitar a perda de poboación que se está a producir.

-Como valoraría a contribución do seu grupo durante este mandato?

-O noso obxectivo é Ribeira, tratando de sacar adiante as propostas que figuraban no noso programa electoral. Nestes dous anos presentamos 32 iniciativas, das que 26 foron aprobadas. Atopámonos con contratempos, pero tamén marcamos límites ao goberno. Por exemplo, apoiamos o proxecto do auditorio co condicionante de que se se pasaba un euro máis o alcalde debería dimitir. Temos presentados tamén moitos rogos e preguntas, pero están aínda sen resolver. Un aspecto que nos desagrada é que os plenos alónganse interesadamente por parte de determinados partidos e non se adoptan medidas por parte da presidencia para evitar que iso suceda.

-Que reprocharía da xestión do PP?

-Hai propostas aprobadas que seguen sen materializarse, algunhas dende o mandato anterior. Tamén que en determinadas visitas institucionais non se convida á oposición e penso de debería ter esa atención

-Cales son os aspectos que considera esenciais para os vindeiros dous anos?

-Unha das cousas que deberiamos conseguir é o cuarto xulgado, porque é unha demanda importante que vén de antigo. O PSOE vai insistir na peonalización e na mellora das infraestruturas. Deben adecuarse as zonas portuarias e insistiremos no plan de rescate para a hostalaría. De igual xeito, queremos que Ribeira sexa un municipio punteiro nas novas tecnoloxías.