Adrián Mosquera: «A Tokio vou para gañar, pode que non volva máis a uns Xogos»

BARBANZA

MARCOS CREO

O padexeiro rianxeiro prepara agora o Europeo, no que tamén quere loitar polos metais

26 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Adrián Mosquera (Rianxo, 1996) non precisa presentación. Non fai tanto era un deportista anónimo, pero hoxe, clasificado para Tokio 2021 e coas medallas de ouro da Copa do Mundo e da de España, é un dos nomes propios do paracanoe. El será, ademais, o primeiro padexeiro galego nuns Xogos Paralímpicos. Case nada.

-Rematado o adestramento?

-Si, si, tardamos un pouco máis da conta. Tocaba ximnasio e series curtas de cen metros. Queremos traballar a arrancada.

-Vén de gañar dous metais na Copa de España, que tal se viu?

-Esta semana foi un pouco rara. Foi moi frenética polo tema vos, adaptarse de novo aos horarios de aquí. Tiven rebumbio e custoume descansar ben. Na Copa tiven entrevistas entre proba e proba. A cabeza andaba un pouco tola. Agora xa estou mellor, sen tanto compromiso.

-Que tal leva a fama?

-[Ri] Vaise levando. Son unha persoa que non está acostumada a este tipo de cousas.

-Mal non lle foi.

-Remei no VL3 en 200 e 500 metros. A min o que me interesaba era o de 200, e aí seguimos polo bo camiño. Non estivo mal, aínda que cheguei un pouco cargado de máis. Pero valeu de sobra, o tempo foi similar ao da Copa do Mundo, a pesar de que as pistas son distintas. No 500 foi outra cousa, aí gañoume Javi Reja por tres décimas. Estivemos aí, aí, pero por agora gaña el.

-Xa pasou un tempo prudencial. Asimilou que irá a Tokio?

-Si, si, agora si. E xa toca centrarse e adestrar. Xa sabemos tamén que virá o meu adestrador [Luis Ourille] e dende esta semana estamos coa posta a punto para os Xogos. A verdade é que nun primeiro momento non te das de conta. Non o acabas de crer, pero co paso dos días xa o asimilas e pos a mente nos adestramentos.

-Quen llo ía dicir a vostede cando comezou nisto.

-Empecei para despexarme e facer exercicio. Gústame o deporte de remo, de auga, tanto traiñeiras como piragüismo. De primeiras estaba centrada en sacar o bacharelato, pero unha vez rematei, xa me centrei máis no deporte. E as cousas fóronse dando.

-O seu éxito está aí para quen queira velo, pero onde cre que estivo a clave?

-Eu penso que saíu da constancia, e tamén do voto de confianza que me deron no club. Sen eles non tería feito nada. Dende que cheguei abríronme as portas, nunca me excluíron. Sempre fixen todos os adestramentos, sempre fomos un grupo unido que tivemos ganas de facelo ben e de mellorar.

-Son todos iguais a pesar de que agora vai ser olímpico?

-Dende logo. Somos un club, pero tamén un grupo de amigos. Os obxectivos de cada un son os que son, pero iso non cambia nada. Nin o trato con ninguén. Hai que seguir polo mesmo camiño, que foi o que nos trouxo ata aquí.

-E en nada ten o campionato de Europa.

-De feito marchamos para alá o domingo. A idea é estar en Polonia o luns e xa competiremos o xoves ou o venres da semana que vén. É a última proba antes de que se disputen os Xogos Olímpicos, e para nós é unha proba clave para deixar certas cousas claras, como é a estratexia, corrixir cousas da regata, estar tranquilos nunha proba internacional...

-Irá a polos metais?

-A ver, hai moito nivel. Estamos todos nos mesmos segundos, incluso nas mesmas décimas. Opcións hai e despois do chute de confianza do Mundial. Pero non me quero obsesionar, podo quedar primeiro, pero tamén cuarto ou quinto. Hai que aproveitar o bo momento e seguir cara adiante. As posibilidades están aí, aínda que non quero convertelo nunha obsesión. Uns días gáñase e outros pérdese.

-E logo de Polonia, mente posta en Tokio?

-A nosa idea é aproveitar para adestrar. Igual facemos algunha saída fóra, pero Galicia en verán é o lugar máis óptimo para adestrar. Temos Boiro e tamén Berducido para prepararnos. Logo hai que pensar na regata e na corentena que temos que facer.

-Pensa no podio olímpico?

-A Tokio vou para gañar, pode que non volva máis a uns Xogos. Pero non me vou a meter presión engadida, non quero pasarme de rosca cos nervios nin tomarmo como algo persoal que teño que conseguir si ou si. Se o fago así irá en contra miña. Quero pasalo ben, pero vou para gañar, é unha oportunidade que se me presenta e que non quero desperdiciar. Desexo regresar á casa e saber que fixen a mellor regata, aínda que quede primeiro ou último. Saber que fixen todo o que podía facer.