Berce de palabras

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

20 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días véñenme á cabeza palabras antigas da miña infancia. Ese léxico patrimonial que é patrimonio case específico dunha familia e que, fóra dela, non é nin coñecido nin compartido.

Por algún motivo, esas palabras vellas que xa non uso reconfórtanme estes días, e fano porque me intrigan e na miña vida a curiosidade sempre foi un bálsamo. Gustaríame saber como foi o camiño que seguiron esas palabras ata instalarse nunha casa do Barbanza, coñecer a súa xenealoxía e viaxes, cando se atoparon por vez primeira cunha bisavoa ou un tataravó, e por que lles gustaron tanto que xa non marcharon nunca da casa.

Gústame observar a evolución desas palabras cando as atopo nalgunha referencia de finais do século XIX ou de principios do XX no espléndido Dicionario de dicionarios da Universidade de Vigo. Ver que lles fixo o pasar do tempo. Por exemplo, as ghalochas. Na miña casa, esas zapatillas de casa tan vellas como cómodas, e que nos negamos a tirar. Nun vocabulario de Leiras Pulpeiro de 1906, as galochas son as zocas. A palabra quedou connosco, pero xa non o calzado de madeira.

Outra: ter pouco solás, é dicir, ter pouco ánimo, ou pouca graza. Hoxe case desaparecida pero ben presente con esa acepción no Valladares de 1884. A que me ten intrigado é chofle, entendendo esa roupa vella coa que un anda pola casa. Non me convence nin o seu sentido en castelán nin en portugués (pulmón do porco), pero tampouco o inglés shuffle (arrastrar os pés), aínda que sexa unha evolución suxestiva. Sigo á procura.