«Impostura», de Paula Antía Rey, faise co premio Poeta Añón nas súas vodas de prata

M. Gómez / L. Martelo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O acto no que se deu a coñecer o nome da gañadora deste ano serviu tamén para presentar os libros que recollen as poesías premiadas nas dúas edicións anteriores. Ao remate, os asistentes subiron ao escenario para sacarse unha foto de familia co rexedor, Manuel González.
O acto no que se deu a coñecer o nome da gañadora deste ano serviu tamén para presentar os libros que recollen as poesías premiadas nas dúas edicións anteriores. Ao remate, os asistentes subiron ao escenario para sacarse unha foto de familia co rexedor, Manuel González. Cedida

Barbanza foi escenario de numerosas actividades para festexar o 17 de maio, homenaxear a Xela Arias e reivindicar aos autores nados na comarca

18 may 2021 . Actualizado a las 12:48 h.

Foron moitas as actividades que nos últimos días, e especialmente na xornada de onte, se sucederon na bisbarra para celebrar a festa da lingua galega, homenaxear a Xela Arias e reivindicar aos autores nados en Barbanza, nuns casos mediante ofrendas florais e noutros coa celebración de certames literarios. O máis destacado é o premio Francisco Añón de poesía de Outes, que este ano acadou a súas vodas de prata e que coronou a obra Impostura, de Paula Antía Rey.

A moza, de 24 anos e natural de Iria Flavia, verá publicado o seu traballo grazas ao seu «manexo dos recursos literarios, o que redunda na acertada construción da súa voz poética», como destacou o xurado. A poeta e filóloga Silvia Penas; Carlos Rodríguez Pérez, profesor e asesor en linguas cooficiais no Centro Autonómico de Formación e Innovación; Lara Dopazo, xornalista e poeta; e a profesora Iria Fernández Moscoso foron os encargados de seleccionar a obra gañadora, da que tamén subliñaron o contexto histórico e o xogo de personaxes, así como que Impostura trata o tema da muller «dende unha perspectiva feminista e cunha óptica moi acertada».

Pola súa parte, Toxicidade, obra de Abraham Pérez, natural de Lugo, foi merecedora dun accésit que permitirá a súa publicación, xunto co traballo vencedor.

Obras gañadoras

A decisión do xurado deuse a coñecer na tarde de onte nun acto no que tamén se presentaron os libros que recollen as poesías premiadas nas dúas edicións anteriores do certame outiense Francisco Añón, xa que o ano pasado non puido levarse a cabo por mor da pandemia.

Deste xeito, o auditorio da casa de cultura de Outes foi o escenario no que viron a luz Agora que nos roubaron, obra de Mariña López Varela, que resultou galardoada no 2019; e Consecuencias, de Óscar García Ramos, gañador da edición do 2020.

O fallo do certame literario foi un dos actos centrais deste 17 de maio, pero non único, posto que ao longo da comarca se sucederon as propostas culturais enmarcadas no Día das Letras Galegas.

O alcalde de Noia, Santiago Freire, e o concelleiro José Pérez foron os encargados de realizar a ofrenda floral diante dos bustos que Antón Avilés de Taramancos e María Mariño teñen nos xardíns Felipe de Castro. Previamente, houbo as actuación da compañía Kirenia e Serafín Marcos
O alcalde de Noia, Santiago Freire, e o concelleiro José Pérez foron os encargados de realizar a ofrenda floral diante dos bustos que Antón Avilés de Taramancos e María Mariño teñen nos xardíns Felipe de Castro. Previamente, houbo as actuación da compañía Kirenia e Serafín Marcos CARMELA QUEIJEIRO

Noia, por exemplo, non faltou á cita anual na Alameda. Temíase que o mal tempo deslucira o programa previsto e a tradicional ofrenda floral dedicada a María Mariño e Antón Avilés de Taramancos. Nesta ocasión, a familia do escritor noiés non puido asistir por un problema de saúde da súa viúva, pero foron moitos os veciños que se achegaron ata os xardíns Felipe de Castro para sumarse á homenaxe. Antes diso, a compañía Kirenia ofreceu un espectáculo de danza e Serafín Marcos fixo un percorrido pola traxectoria vital de Xela Arias cunha representación dramatizada. O grupo Os Salgueiriños foi o encargado de poñer música a esta cita.

Ruadas e contacontos

Non foi Noia o único lugar no que soou a música tradicional, que tamén invadiu a vila da Pobra nunha ruada na que participaron distintas agrupacións. O Cantón da Leña foi escenario, ademais, da lectura de poemas de Xela Arias

Non houbo actos institucionais no día grande das Letras Galegas, pero na vila pobrense non faltou o ambiente festivo, que encheu as rúas a partir do mediodía grazas aos grupos de música profesional que as recorreron. Logo, no Cantón da Leña deuse lectura a poemas de Xela Arias
Non houbo actos institucionais no día grande das Letras Galegas, pero na vila pobrense non faltou o ambiente festivo, que encheu as rúas a partir do mediodía grazas aos grupos de música profesional que as recorreron. Logo, no Cantón da Leña deuse lectura a poemas de Xela Arias CARMELA QUEIJEIRO

Tamén en Ribeira houbo ruada, que neste caso correu a cargo de O Rueiro e Os Monifates. Houbo tamén os contacontos e obradoiros Arredor de Xela a cargo de Raquel Queizás, e pola tarde, na aula de música de Aguiño, levouse a cabo o espectáculo musical Contos da punta da lingua, organizado pola Asociación Francisco Lorenzo Mariño.

O Concello de Lousame aproveitou a tradicional ofrenda floral con motivo do 17 de maio para reivindicar unha vez más que se dediquen as Letras Galegas a Zernadas de Castro
O Concello de Lousame aproveitou a tradicional ofrenda floral con motivo do 17 de maio para reivindicar unha vez más que se dediquen as Letras Galegas a Zernadas de Castro

Tamén o Concello de Lousame conmemorou o Día das Letras Galegas con varias actividades que se sucederon durante os últimos días. Na fin de semana houbo actividades para os cativos, e representantes do goberno municipal cumpriron coa tradicional ofrenda floral a Zernadas de Castro, que foi aproveitada para reivindicar a súa figura e demandar que se lle dedique o Día das Letras Galegas. A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, afirmou que «é a maior figura literaria galeguista do seu tempo». Ao acto tamén asistiron os edís de Obras, Ramón Martínez, e de Relacións Veciñais, José Ces.