As actividades culturais polo Día das Letras Galegas vanse prolongar en Barbanza ao longo de todo o mes de maio

LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O xornada rematou, pero as iniciativas con motivo do 17 de maio continuarán

18 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Día da Letras Galegas rematou, pero as actividades culturais arredor do 17 de maio continuarán ao longo de todo este mes nos concellos da bisbarra.

Boiro. Ademais das funcións escolares que se van levar a cabo o día 20, o sábado 29 está programada unha xornada de lecer en familia no estuario do río Coroño, con funcións de Paco Nogueiras e o Pallaso Fredi ás 12.00, 17.00 e 20.00 horas.

Rianxo. A programación cultural do mes de maio ten unha nova cita o venres próximo coa presentación na sala Arcos Moldes do auditorio municipal de Un señor elegante, de Suso de Toro, coa presenza do autor e o académico Xosé Luís Axeitos.

A Pobra. Tralo día grande das letras, na Pobra están previstas outras dúas actividades coa homenaxe a Xela Arias como telón de fondo. O 28 de maio, en colaboración con Barbantia, terá lugar a presentación de Memorias dunha estrela sen luz, de Andy da Fonde; e o día 30, o Cantón da Leña dará cabida ao contacontos de Polo Correo do Vento Xela Arias. Liberdade, solidariedade e amor pola lingua.

Ribeira. Vicente Mohedano conxuga teatro e ciencia na obra Orbitamos, que porá en escena no auditorio municipal ás 12.00 horas. Ademais, ata o día 28 segue aberto o prazo para participar no Concurso Literario Escolar das Letras Galegas organizado polo Concello de Ribeira.

Muros. Dirixida a un público adulto, o sábado o auditorio do centro cultural e xuvenil de Muros será escenario da representación de A lingua das Bolboretas, unha adaptación da obra de Manuel Rivas que correrá a cargo de Teatro Sarabela. O prezo das entradas é de 3,50 euros.

Carnota. O teatro, neste caso dirixido ao público familiar a partir dos 3 anos, é tamén o protagonista da próxima cita organizada polo Concello de Carnota. O venres, no salón de actos Talía pechará o cartel do mes das letras coa representación de Voa, voa!

Lousame. Arredor da figura de Zernadas de Castro, o Concello de Lousame inaugurará o día 28 unha exposición virtual e física con diferentes paneis. Será na casa de cultura e estará aberta durante dous meses.