Xogos, libros, maxia teatro e música para celebrar a festa da literatura de Galicia

Francisco Brea
Fran Brea RIBEIRA

BARBANZA

MARCOS CREO

Os concellos teñen programadas diferentes actividades para maiores e para os máis pequenos con motivo do 17 de maio

15 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os concellos da comarca xa o teñen todo preparado para conmemorar o momento do ano por excelencia da literatura en Galicia. O luns celébrase os Día das Letras Galegas e xa durante a fin de semana desenvolveranse actos para festexar unha data que neste 2021 homenaxea á poeta de Sarria Xela Arias. Xogos, contos, teatro, música, maxia... Para os maiores e para os máis pequenos haberá actividades.

Ribeira

Na capital do Barbanza está previsto que hoxe a contacontos María Canosa represente no centro cultural Lustres Rivas, a partir das 12.00 horas, a súa función Matís, un pitiño diferente. Tamén desde as doce o grupo de baile e música tradicional Tahúme levará os seus sons polas principais rúas do casco urbano para amenizar a xornada. Pola tarde será o momento da maxia co Mago Teto, que ofrecerá o seu espectáculo As nosas letras no auditorio municipal, a partir das 19.00.

Mañá será o grupo Bailadela o que, desde as 12.00, levará a música ás rúas de Santa Uxía. A orquestra Sons actuará ás 18.00 horas na aula de música de Aguiño, mentres que ás 19.00 haberá unha sesión de contacontos na praza do Concello a cargo de Títeres Cascanueces.

Xa o luns, Raquel Queizás estará na praza do Concello a partir das 12.00 horas coa súa función Arredor de Xela, mentres que o grupo de gaitas O Rueiro percorrerá ás rúas da cidade. Pola tarde a actividade trasládase a Aguiño, onde ás 19.00 horas na aula de música actuarán Rilo&Penedique.

A Pobra

Na Pobra veñen desenvolvendo diversas iniciativas nos centros educativos desde o mércores e terán continuidade ata o día 26. O luns, terá lugar unha ruada con grupos de música tradicional a partir do mediodía. Ás 12.00 horas celebrarase a festa da poesía, na que se lerán poemas de Xela Arias no Cantón da Leña. Pola tarde, ás 19.00, proxectarase no cine Elma o filme Lúa vermella, de Lois Patiño.

Durante a xornada do martes faranse dúas actividades. Sole Felloza ofrecerá o contacontos Oito pasos... oito versos na biblioteca municipal Victoriano García Martí a partir das 18.00. E ás 20.00 horas dará comezo no auditorio do museo Valle-Inclán a charla musicada Irás, dirás, virás, con Clara Pino e Pablo Vidal.

Boiro

O pazo de Goiáns será o gran escenario no que se celebrará a tradicional Romaría das Letras de Boiro. Sonia Lebedynski será a encargada de presentar o acto, no que o Concello conta coa colaboración da asociación cultural Barbantia. A actividade comezará ás 17.00 horas e incluirá actuacións de baile galego a cargo de Aroña e Xilbarbeira. Barbantia ocuparase das presentacións literarias, nas que se van a expoñer unha publicación sobre a biografía de Xela Arias e a obra Nus, de Manuel Gago. Os Melidaos porán o broche de ouro cun concerto para pechar o acto.

Rianxo

Dentro da programación cultural para o mes de maio en Rianxo, hoxe presentarase o poemario Hemisferio Auga, de José Carou. Terá lugar no salón de actos do auditorio rianxeiro ás 19.00 horas. Estarán presentes o autor, o ilustrador Salvador Laíño e o alcalde, Adolfo Muíños. Haberá lectura de poemas a cargo do escritor Anxo Muíños. Da apertura e do peche musical encargarase Antonio Florencio Fernández Lavid.

Tamén no auditorio, ás 20.30 horas, vaise presentar en directo o disco Saudades d'alborada. Baladas e zarzuelas galegas, coa soprano María Dolores Crespo e Alejo Amoedo ao piano.

Lousame

Hoxe terá lugar o prato forte da programación de Lousame coa celebración da Festa do Galego na praza do Concello, con actividades lúdicas para os máis pequenos, obradoiros infantís, música a cargo de picadiscos e coa animación de Fantoches Baj. Ademais, tamén se difundirá a exposición Xela Arias, Aquela nena de Sarria.

Na xornada do luns, o Club de Xubilados inaugurará na súa sede, ás 12.00 horas, unha exposición fotográfica que está destinada a converterse nunha mostra permanente.

Porto do Son

Marisa Martínez recala hoxe na vila sonense dentro do ciclo de monólogos que se está a levar a cabo. O espectáculo será ás 19.00 horas na casa da cultura, e no mesmo lugar pódense conseguir as entradas, que teñen un prezo de 5 euros, entre as 12.00 e as 14.00. O propio Día das Letras Galegas, o teatro será o protagonista. A compañía Malasombra interpretará o seu espectáculo Go On! As entradas xa están a venda na casa da cultura, onde tamén se representará a función ás 20.00 horas.

Noia

As activades en Noia terán lugar na Alameda, aínda que desde o Concello apuntan que se fai mal tempo trasladaranse ao coliseo Noela. Ás 12.30 horas está previsto un espectáculo de danza, ás 13.00 una intervención dramatizada de Serafín Marcos que leva por título Sobre Xela Arias e ás 13.45 unha ofrenda floral ante os bustos de Antón Avilés e María Mariño. Este acto está organizado polo grupo Os Salgueiriños.

Outes

Na localidade outiense fallarase o certame de poesía Francisco Añón no auditorio da casa da cultura ás 17.00 horas. Ademais, vanse presentar as obras premiadas nos dous últimos anos: Agora que nos rouban, de Mariña López, e Consecuencias, de Óscar García.

Muros

Muros vibrará coa música de Odaiko, que porá en escena o seu espectáculo Mar adiante. A actividade terá lugar na praza do Mercado ás 18.00 horas e a entrada é de balde.

Mazaricos

Hoxe representarase na casa da cultura, ás 17.00 horas, Gale, a historia da lingua, unha obra de monicreques do grupo A Xanela do Maxín. Mañá está prevista unha ruta pola parroquia de Corzón, a partir das cinco da tarde, para conmemorar o Día das Letras Galegas arredor da obra literaria da veciña do concello María del Carmen Rey Núñez.