O Concello da Pobra homenaxea a Xela Arias cun amplo programa de actividades

M.G. RIBEIRA

BARBANZA

CEDIDA

Os actos culturais prolongaranse ata finais do mes de maio

11 may 2021 . Actualizado a las 19:21 h.

Co gallo do Día das Letras Galegas, o Concello da Pobra, a través do departamento que dirixe a concelleira Patricia Lojo, organizou un amplo abano de actividades arredor da figura de Xela Arias, homenaxeada neste 17 de maio. Lojo destacou que se trata dunha programación «moi dinámica», mentres que o rexedor, Xosé Lois Piñeiro, subliñou que o obxectivo é pór en valor a figura da escritora «así como o noso idioma, a nosa lingua».

A programación, dirixida a distintos públicos, comezará o mesmo 17 de maio cunha dobre cita. Ás 18.00, na biblioteca municipal, Sole Felloza ofrecerá o contacontos Oito pasos... oito versos, para nenos a partir dos 5 anos e con reserva previa de praza chamando ao 981 831 633. Un par de horas máis tarde, será o auditorio do Museo Valle-Inclán o que acolla a charla musicada Irás, Dirás, Virás, con Clara Pino e Pablo Vidal. Neste caso tamén é preciso anotarse no 981 831 545.

A finais do mes de maio, o día 28, terá lugar unha nova cita coa cultura na casa de cultura pobrense. Desta volta, en colaboración coa asociación Barbantia, presentarase o libro Memorias dunha estrela sen luz, de Andy da Fonte.

Concursos escolares

Doutra banda, dentro da programación das Letras Galegas, o Concello pon en marcha unha serie de iniciativas que comezan hoxe nos distintos centros educativos. Trátase dunha serie de concursos para a rapazada de distintas idades. Así, para o alumnado da ESO lanzouse unha proposta focalizada en Instagram, onde os participantes deberán subir unha imaxe relacionada con algún poema de Xela Arias.

Para os alumnos de educación primaria ideouse un O pasaporte de Xela, que deberán cubrir buscando as palabras dun poema da autora en distintos establecementos da vila. E para os de infantil elaborouse un xogo de colorear e debuxar.