Lourenzo Fernández: «A nosa agricultura non é de atraso, senón de innovación»

Ana Lorenzo Fernández
ana lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Lourenzo Fernández
Lourenzo Fernández XOAN A. SOLER

A iniciativa da Fundación RIA quere impulsar no territorio propostas produtivas novedosas e sostibles

09 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Por que cando un alimento está bo e ten sabor dicimos que é da casa, pero logo non damos a suficiente importancia a todo o que se cultiva e cría nos campos da comarca? Intentar cambiar esta situación é un dos obxectivos do Laboratorio Ecosocial do Barbanza da Fundación RIA, que impulsa o arquitecto David Chipperfield, e que atopou en Lourenzo Fernández Prieto (Ribadeo, 1961) un dos mellores aliados. O catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago (USC), investigador do grupo Histagra (Historia Agraria e Política do Mundo Rural) e director da cátedra Juana de Vega é un experto en mergullar no pasado e poñer en valor todo o que fixeron ben os nosos avós e bisavós no cultivo das terras e sacarlle un maior rendemento.

-Como xurdiu a idea desta colaboración?

-Nós xa tiñamos bastante experiencia no campo de investigar sobre territorios cun pasado e presente onde se desenvolveron proxectos ecolóxicos e innovadores que é o que busca a Fundación RIA. Como dixo David Chipperfield na presentación da iniciativa, quen lle ía a dicir a esta esquina da periferia de Europa que de aquí ían saír os mellores exemplos para un futuro sostible. Hai que recordar que estamos no outro lado do Atlántico, e aquí foi a onde primeiro chegaron importantes novidades agropecuarias, como as patacas, os pementos... A nosa agricultura non é de atraso senón de innovación. A través da Rede Revolta xa fixemos unha especie de historia agrícola con experiencias moi interesantes, se trata de buscar iniciativas produtivas que na maioría dos casos non están no radar das subvencións. Un dos mellores exemplos foi Bico de Xeado, unha empresa que apostou por facer xeados artesanais con leite cru e está triunfando.

-Que características teñen que reunir eses proxectos?

-Fundamentalmente, que sexan produtivos, que xeren capital social, e respectuosos co medio ambiente. Nós xa analizamos o traballo realizado en tres comunidades ou aldeas da comarca do Barbanza: a experiencia da comunidade de montes de Baroña, que aposta pola recuperación de técnicas tradicionais; o modelo de dinamización da pequena aldea de Froxán, onde se puxo en marcha un sistema punteiro de deseucaliptización; e logo está a zona de Brañas de Laíño, un territorio moi rico onde naceron as empresas leiteiras nos anos 20 e 30 e onde había os mellores bois de Galicia, un espazo bioxeográfico onde é compatible a produción agraria e gandeira.

-Que facen con toda esta investigación?

-Queremos recuperar todo ese coñecemento produtivo, porque todas esas persoas saben cultivar a terra e coidar o gando en clave ecolóxica e sustentable, levan décadas facéndoo, aínda que moitos lles din que están equivocados. Todos eses métodos de traballo non son estáticos, senón que foron evolucionando desde o século XVI ata os nosos días. Nós entrevistamos a toda esa xente que ten a memoria dos últimos 150 anos, unha riqueza enorme e unha tradición que hai que reivindicar e aplicala doutra forma, porque ese é o futuro. Quen sabe máis, un hipster que cultiva un horto en Nova York, o una mulleriña de aquí ao lado de Santiago de Compostela que leva toda a vida facéndoo e que non emprega agroquímicos? Está claro que ela, pero ela non é hipster nin vive en Nova York.

-E como se cambia esa mentalidade?

-A boa noticia é que en Galicia xa sabemos o que temos, e do que se trata é de recuperar esa forma antiga de cultivar a terra, pero con modelos innovadores para sacarlle o maior rendemento, tentar formar á xente para revitalizar a aldea e para a aplicación de métodos que sexan rendibles. A través destas investigacións recoñecemos as prácticas que se poden reutilizar. Hai que pensar de que vivían os galegos no pasado, dunha agricultura orgánica que se pode recuperar para o futuro.

«A comarca do Barbanza ten condicións e coñecementos para desenvolver importantes proxectos»

Ademais de tentar recuperar o pasado, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza acaba de abrir unha segunda etapa que ten como obxectivo impulsar tres proxectos sementes, é dicir, iniciativas sostibles e innovadoras, que disporán dunha financiamento de 15.000 euros para botar a andar. Ata o 31 de maio está aberto o prazo de presentación de ideas, que terán que desenvolverse nalgún dos concellos da zona (Noia, Porto do Son, Ribeira, A Pobra, Boiro, Rianxo, Dodro e Lousame).

-Por que se elixiu a zona do Barbanza para o desenvolvemento deste proxecto?

-É a zona de influencia da Fundación RIA e tamén é un espazo moi interesante no que xa se puxeron en marcha experiencias moi boas como a de Baroña, Froxán ou Laíño. Ademais, a comarca do Barbanza ten condicións e coñecementos para desenvolver importantes proxectos. Sobre ese marco que definimos ecoloxicamente amigable pretendemos impulsar actividades produtivas economicamente remuneradoras, que se fagan propostas nesa liña para dinamizar ás comunidades.

-Si a proposta ten éxito, poderá exportarse a toda a comunidade galega?

-Este é unha proba piloto, sabemos cal é o modelo a seguir, pero temos que demostralo. Hai moita capacidade de produción na comunidade e moitas condicións a favor para que sexa un éxito, porque Galicia ten moita tradición neste campo, algo que non se pode buscar en Inglaterra ou Holanda, pero aquí si. Tampouco se trata de dicirlle á xente o que ten que facer, senón de dialogar con eles e mostrarlles o que se pode mellorar, converter o que parecía malo en bo. Sempre se dixo que as cousas boas son as da casa, as do país. Se se lle chama economía de subsistencia parece atraso, pero se lle chamamos agricultura orgánica sustentable sabemos que é o futuro.