Virxes viradoiras

Francisco Ant. Vidal RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Bernardo Codesido

08 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos cantos neste segundo domingo de maio se acercan a festexar á Santa de Moldes, a quen algún desconsiderado espiu de policromía aló polos anos oitenta, saben do arrepío que á boa Señora lle causou ver como o seu fillo, o mesmo que baixara á Terra para predicar o amor e a bondade, cheo de furia afundiu ós habitantes de Valverde, con igrexa e todo, acusándoos de piratas, ladróns e asasinos, baixo unha tempestade de lume, auga e area, para non deixar daquela vila nada vivo; con tanta saña que a mesma Señora, incapaz de contemplar tanta desgraza, á vista de tal cúmulo de gritos de dor e desesperación pronunciou esa frase que aínda hoxe perdura na memoria de todos: «Non quero ver tal nin tal ver» e virouse de costas ó mar. A pobre non podía facer outra cousa, non podía levarlle a contraria ó fillo, erixido en Xuíz Supremo, quen ademais se sentía demasiado ofendido como para deixarse amolecer. Un Deus máis propio do Antigo Testamento ca do Novo.

Bernardo Codesido

Non sei se a actitude da Santa se pode catalogar de escorrer o vulto. Non foi ela a única, ou polo menos non foi en Moldes o único lugar en que prodixio semellante aconteceu coa Nosa Señora, quen, incapaz de remediar e poñer paz entre a xente lle deu as costas ó problema para chorar cos ollos tapados a súa impotencia. Algo moi parecido aconteceu no Líbano, onde se festexa a Nosa Señora co nome do monte en que se venera, a Harissa, onde tamén se virou de costas á desgraza que contemplaba durante unha desas guerras en que uns e outros se masacran só por dicir quen ten o mellor deus, cando tanto o de uns como o dos outros pregoan en liñas xerais o mesmo amor e comprensión sen distinción de sexo, raza ou credo. De feito, á romaría da Harissa achéganse hoxe en día grande afluencia de peregrinos de distintas confesións relixiosas, cristiáns e musulmáns sobre todo, para agradecerlle que fose tan sensible coas penas dos libaneses aínda que non puidese facer nada por remedialas. A fin, estas Virxes viradoiras, dándolle as costas a un problema claramente doloroso, son un exemplo da impotencia contra algo inhumano, e ó mesmo tempo unha mostra de comprensión para con elas por parte de quen as desculpa e festexa.

Con todo, non está de máis saber que a de Moldes asenta o seu cruceiro de capela, propio das terras de Barbanza, sobre unhas mámoas, desde algún tempo despois de que aló polo século XVI, segundo nos informa Castelao, fose traída a esta bisbarra baixo a advocación de Nosa Señora de Belén desde o Adriático, como protectora contra a piratería. A Harissa, ou Nosa Señora do Líbano, a quen celebran no primeiro domingo de maio, data da inauguración do monumento, e a quen Maruja Torres se refire case de pasada no libro Hombres de lluvia, foi levada de occidente baixo a advocación da Inmaculada, e dado que esta advocación é de mediados do século XIX, todo nos fai pensar que unha e outra teñen o seu apousento en solar herdado, polo que cabe preguntarse quen sería a divindade precristiá que se asentaba sobre as mámoas de Moldes e cal a dos outeiros do Líbano antes de que a Virxe María tomase posesión destes lugares.