Juan Manuel Vázquez: «Había temor a unha maior propagación pola presenza das cepas estranxeiras»

Francisco Brea
Fran Brea RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Vázquez Lago di que entende que o comité clínico se anticipara para aplicar as restricións
Vázquez Lago di que entende que o comité clínico se anticipara para aplicar as restricións CARMELA QUEIJEIRO

O facultativo confía en que a evolución do covid na comarca siga a ser favorable

02 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan Manuel Vázquez Lago (Louro, 1980) é unha voz autorizada para falar da situación epidemiolóxica en Barbanza. El é medico do servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do hospital comarcal, e a diario analiza datos, elabora informes, proxecta curvas e fai un seguimento dos casos. No momento actual, coas cifras que se manexan, e sabendo que o comportamento do virus non é para nada previsible, apunta que a situación estabilizouse e que deberíase avanzar cara una melloría.

-Agora mesmo, cal e a radiografía da comarca no que se refire á incidencia do covid?

-Estábase incrementando tralo brote rexistrado na Pobra, que tivo unha subida espectacular con case cincuenta casos en catro días. Repercutiu no resto da poboación porque hai moita relación entre os concellos. A aplicación das restricións máximas no municipio pobrense e as altas en Boiro e Ribeira fixeron que a situación se puidera estabilizar e agora a incidencia estea baixando. As medidas deron o resultado esperado e fíxose un correcto rastrexo dos contactos de risco.

-Por que a comarca sempre parece ir ao revés, e cando aumentan os casos aquí baixan en Galicia e viceversa.

-Vendo os antecedentes é certo, as subidas de contaxios comezaron por aquí e acabaron afectado ao resto da área sanitaria. Por que? Creemos que existen diferentes factores. Un deles pode ser que a ría de Arousa ten unha poboación flotante mariñeira moi importante, que chega de países con datos escasos ou que nin sabemos o que está a suceder. Veñen sen síntomas e poden introducir a infección. Tamén é unha comarca con bastante industria e fanse contactos con moita xente doutras comunidades autónomas. É, moi importante, é un dos puntos turísticos por excelencia de Galicia.

-Pode que o patrón se repita e a situación empeore en Galicia.

-Falar da comunidade en xeral paréceme moito. Na área sanitaria pode ser. Pero agora as decisións para frear o virus estanse a tomar con máis anticipación, imos aprendendo continuamente. Pensamos que se vai a poder controlar perfectamente.

-Nesta ocasión fíxose referencia á presenza das cepas británica e surafricana, temeuse que a explosión de contaxios fose maior por isto?

-Había temor a unha maior propagación. O importante cando se detectan estas variantes que son novas nun territorio é aplicar medidas máis duras ou mantelas máis tempo. Non se pode permitir a transmisión desa cepa nova. A británica xa leva dous meses con nós e representa unha gran porcentaxe dos casos. Hai que ser cauteloso e que non haxa máis infeccións das variantes que non estaban presentes para que desaparezan.

-Por iso cribados amplos á poboación como o que se fixo fai unha semana en Palmeira?

-En Palmeira fíxose porque en dous días apareceron tres casos que non tiñan unha vinculación clara. Non sabían onde se puideran contaxiar. Cando hai positivos que non están conectados entre si hai que intentar descubrir se existen cadeas de transmisión que non coñecemos.